Os traballadores e as traballadoras dos hospitais de A Coruña e Lugo iniciaban na mañá do 3 de novembro o primeiro dos peches de 24 horas previstos no calendario de mobilizacións convocadas pola Plataforma para a defensa da sanidade pública co obxecto de exixir a convocatoria dunha Mesa Sectorial con capacidade negociadora, para tratar sobre a suspensión dos acordos en materia retributiva e a suspensións dos plans de Mellora de Atención Primaria e de Saúde Mental.
A protesta mantívose a pesar do anuncio realizado o luns pola conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, de convocar a Mesa esta mesma semana, así como manter conversas coa responsábel de Facenda de cara a abordar a suspensión dos acordos en materia retributiva.
Así, ao longo da mañá os traballadores e as traballadoras ían instalando nas entradas dos hospitais tendas de campaña e faixas reivindicativas para visibilizar a protesta, así como mesas informativas para que os usuarios/as e o propio persoal dos centros teña coñecemento das demandas da Plataforma.
Ruptura da Mesa Sectorial
A decisión de iniciar peches de 24 horas durante os martes e xoves foi adoptada pola Plataforma logo da ruptura, por parte do Sergas, da Mesa Sectorial, o pasado venres 30 de outubro. Ese día celebrábase unha xuntanza deste órgano de negociación no que a plataforma sindical exixía ao Servizo de Saúde que se tratase como primeiro punto a suspensión dos acordos asinados. Porén, os representantes do Sergas negáronse a incluír este tema alegando que se trataba dunha decisión do goberno e que non tiñan capacidade negociadora no asunto.
Agora a Plataforma agarda que a conselleira manteña a súa palabra e convoque a Mesa Sectorial.
Suspensión dos acordos retributivos
Os orzamentos de 2010 terían que incluír partidas destinadas a cumprir, entre outros, o acordo en materia retributiva, asinado en 2008. Segundo este, recoñecíase que os traballadores e traballadoras da Sanidade Pública galega son dos peor pagados de todos os sistemas de saúde do estado e a Xunta de Galiza comprometíase a aplicar un incremento nas retribucións nun período que ía do 2008 até o 2012. Tamén quedan relegados a un futuro incerto os Plans de Mellora de Atención Primaria e de Saúde Mental, freando así a posibilidade dunha aposta clara e firme do goberno galego por unha sanidade pública e de cualidade.