Ás 10 da mañá 150 persoas entre traballadores e traballadoras de Xoane en folga e compañeiros e compañeiras da CIG da Unión Local do Porriño e da comarca de Vigo comezaban unha marcha desde a sede da empresa, en Atios, até a praza do concello do Porriño.
"Xoane, despidos non"
Con continuos berros e bo paso achegábanse nunha hora até O Porriño, onde repartiron entre a xente e tamén ao longo do traxecto unhas follas informativas que explicaban as causas da súa mobilización.
As razóns da folga
"O persoal de Pérez Leiros (Xoane) estamos en folga para responder ao patrón que pretende despedir 25 traballadores (1/3 do persoal actual), que se sumaría aos 7 despedimentos que xa leva neste ano 2009, total un 40% do persoal á rúa", sinalaba este panfleto.
"0s nosos patróns pretenden xustificar os despedimentos pola baixa das vendas; pouco importa que durante moitos anos levaran millóns de euros de lucros, grandes gaños a costa da nosa suor que axudaron a montar outros negocios (quivis, adegas, viveiros de plantas..). Agora que a vaca anda fraca queren que paguemos nós a situación", engaden.
Ademais neste panfleto e con esta folga e mobilización denuncian as facilidades da lei para estes empresarios, así como que obreiros con máis de 35 anos poden ir para a casa con menos de 20 mil euros, así como demandan a solidariedade das veciñas e veciños do Porriño.
Xuntanza co alcalde do Porriño
No concello, Raúl Frances, alcalde do Porriño, atendeu a unha delegación de Xoane, que lle explicou a situación da empresa e do ERE, polo que se comprometeu a realizar xestións diante da superdelegada da Xunta en Vigo para que atenda este asunto como se merece, "xa que estamos a falar de 25 postos de traballo, que non é calquera cousa".
Continúa a folga e máis mobilizacións
O mércores 4 de novembro e o xoves 5 de novembro de 10.30 a 12 concentraranse estes traballadores e traballadoras en folga diante da delegación da Xunta en Vigo, na praza da Estrela, para demandar implicación da Xunta neste conflito.
Máis imaxes da xornada
Na galería gráfica da nosa web podedes atopar máis imaxes desta marcha ou nesta ligazón.