Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 3/11/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Marcha cidadá o domingo 8 de novembro para exixir o saneamento e a rexeneración inmediata da Ría do Burgo

A mobilización partirá ás 12 do mediodía da “Casa das Palmeiras” e percorrerá o paseo marítimo de Fonteculler
A Plataforma para a defensa da Ría do Burgo, da que forma parte a CIG, vén de convocar unha marcha o vindeiro domingo, 8 novembro, para exixir ás administracións galega e estatal o inicio de actuacións para a recuperación, limpeza e rexeneración deste espazo. A marcha, na que se agarda unha importante participación, partirá ás 12 do mediodía da Casa das Palmeiras e percorrerá o Paseo Marítimo de Fonteculler para comprobar o estado de contaminación da ría e os principais puntos nos que se producen vertidos.
O patrón maior da Confraría de Pescadores de A Coruña, Manuel Cao, e o secretario comarcal da CIG, Paulo Carril, presentaron a marcha do 8 de novembro.

A Plataforma para a defensa da Ría do Burgo vai retomar as mobilizacións para exixir a recuperación inmediata deste espazo, logo de que nin nos orzamentos xerais do Estado nin nos da Xunta de Galiza aparezan recollidas partidas económicas destinadas a actuacións de saneamento e rexeneración da Ría. Así o anunciaron o patrón maior da Confraría de Pescadores de A Coruña, Manuel Cao, e o secretario comarcal da CIG, Paulo Carril, quen animaron a toda a cidadanía a participar na marcha que terá lugar o vindeiro domingo, 8 de novembro, ás 12 da mañá, a través da que se quere amosar o estado de degradación da Ría e concienciar á poboación da importancia de recuperar este espazo.

Con esta mobilización  Plataforma quere reclamar unha actuación firme na aplicación de sancións aos causantes directos e indirectos dos vertidos á Ría do Burgo, así como a finalización do proxecto integral de saneamento para eliminar os focos de contaminación que aínda existen nos concellos de A Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros. Neste senso, Paulo Carril asegurou que “resulta inconcibíbel que un núcleo de poboación como A Coruña e a súa comarca continúe sen ter un sistema de tratamento de augas residuais e os concellos aínda vertan directamente ao mar”.

Plano de Rexeneración ambiental

Dende a Plataforma reclámase tamén a concreción dun Plano de rexeneración ambiental para limpeza integral da Ría do Burgo, co obxecto de recuperar esta área tanto para o lecer cidadá como para a recuperación dos bancos de marisco. A este respecto, Manuel Cao lembrou que as augas da Ría continúan a estar clasificadas como Zona C, polo que os traballadores/as non poden extraer marisco. “Pedimos unha actuación inmediata porque se está pondo en perigo a existencia dos bancos marisqueiros e as garantías económicas de 140 familias que viven desta actividade”, lamentou.

Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG en A Coruña lamentou que a día de hoxe aínda non se teñan tomado medidas para erradicar os vertidos, especialmente nun momento de crise económica como o actual, xa que as propias actuacións sobre a ría xerarían postos de traballo e posibilitarían converter esta zona nun foco de traballo moi produtivo “tendo en conta a capacidade e o potencial para a explotación dos recursos marisqueiros que posúe O Burgo, se estivese recuperada”. Carril salientou que a ría está nun nivel “moi marxinal” de aproveitamento das capacidades marisqueiras, cuxos recursos se verían incrementados coa eliminación dos focos de contaminación.

Non obstante, mentres isto non aconteza, dende a Plataforma deféndese a vixencia temporal indefinida dos actuais convenios subscritos entre a Consellaría do Mar e as agrupacións de marisqueo da Ría do Burgo. Máis información sobre a actividade da Plataforma no seu blog.

cig.prensa@galizacig.com