Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 3/12/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Delegados e delegadas da CIG-Saúde ocuparon simbolicamente a delegación do SERGAS en Vigo.

Concentracións en todas as delegacións provincias do SERGAS contra a precarización da contratación na sanidade

CIG-Saúde reclama a publicación das listas pendentes e a cobertura de todas as vacantes
Delegados e delegadas da CIG-Saúde concentráronse na mañá deste xoves diante das delegacións provinciais do SERGAS para denunciar a política de contratacións que está levando a cabo a administración na sanidade, tanto no referente á publicación de listas, que están pendentes de sacar case un ano despois de terse realizado a convocatoria, como para esixir a publicación dos decretos das categorías e reclamar contratos estábeis para os traballadores e traballadoras da sanidade pública.
Concentración diante da Delegación Provincial de A Coruña.

A Secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, explicaba a respecto da publicación do decreto de categorías que hai máis dun ano que se convocaron as listas, pero como o SERGAS continúa sen publicar o decreto non se poden realizar as contratacións. “Isto supón unha fraude para as persoas que pagaron as taxas para estar nestas listaxes”, aseverou, mentres que todo parece indicar que algunhas destas categorías, como a de técnicos de documentación ou os/as dietistas, corren o risco de ser privatizadas directamente sen dar opción ao persoal a traballar.

Ocupación simbólica

Os delegados e as delegadas que se mobilizaron frote á delegación provincial en Vigo entraron dentro do edificio e realizaron unha ocupación simbólica do mesmo. Logo representantes da CIG-Saúde foron recibidos pola dirección provincial do SERGAS, que se comprometeu a trasladar as reclamacións da central á dirección do Servizo de Saúde en Compostela.

Contratos por días

As críticas da CIG-Saúde tamén ían dirixidas á política de contratacións posta en práctica polo SERGAS nos últimos tempos, substituíndo os contratos estábeis en prazas estruturais pola política de precariedade, con contratos por días, acúmulos de tarefas, etc. A maiores hai que engadir o importante recorte na contratación, xa que non se están substituíndo nos centros todas as vacantes e mesmo se ten chegaron incluso a pechar andares nos hospitais por falta de persoal.

De feito, explica María Xosé Abuín, este ano nin sequera se cubriron as prazas que aparecían dotadas, para cubrir como vacantes en prazas estruturais, no capítulo 1 dos Orzamentos. Nesa liña, para o 2010 ese mesmo capítulo rexistra 236 prazas menos que en 2009.

Pacto de Contratacións

A respecto da negociación do novo Pacto de Contratacións, a Federación de Saúde lamentou que dende hai ano a medio non se producira ningún avance, agás a última proposta presentada polo Sergas, que consiste en crear tres listas que poderían supor que unha gran parte do persoal quedase fóra dos chamamentos, máis tendo en conta a maneira na que se realizou a OPE nalgunhas categorías.

“Dende a CIG seguiremos negociando e reclamando unha contratación áxil e estábel, con dereitos para os traballadores e traballadoras, e que se poña fin as altas taxas de rotación, que ademais ocasionan un mal funcionamento do sistema sanitario”, asegurou a secretaria nacional da CIG-Saúde.

 

cig.prensa@galizacig.com