Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 3/2/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
De esquerda á dereita, Henrique Pérez, secretario comarcal da CIG-Metal, e Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal.

A CIG-Metal subliña que "sobran as razóns" para a folga do 5 de febreiro en solidariedade cos catro do metal

As concentracións comezarán a primeira hora nos centros de traballo
Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, e Henrique Pérez, secretario comarcal de Vigo desta federación, compareceron o martes 3 de febreiro diante de numerosos medios de comunicación para explicar máis polo miudo a convocatoria de folga en todo o sector do metal para o xoves 5 de febreiro, en solidariedade cos catro traballadores do sector que van volver ser xulgados nesta data e "porque sobran os motivos para realizar esta convocatoria, polo incumprimento sistemático do convenio, porque aos traballadores inmigrantes se lles está a pagar por baixo do que establece o convenio e por cuestións de saúde laboral mínimas e necesarias".

Pasadas as once e media da mañá daba comezo a rolda de prensa, na que os responsábeis nacional e comarcal da Federación do Metal achegaron aos medios de comunicación a convocatoria de folga no sector do metal para o xoves 5 de febreiro.

Asi, Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, explicou que "nós xa anunciaramos que volveriamos convocar mobilización no sector polos catro compañeiros neste novo xuízo, que vai ter lugar o 5 de febreiro, e fixemos unha asemblea na que decidimos que estes compañeiros, que participaron da folga do 2007 polo cumprimento do convenio, ian volver ter o noso apoio e a necesario mobilización do conxunto do sector".

Concentracións diante dos centros de traballo

O esquema para esta folga volverá ser o de concentrarse desde primeira hora da mañá diante dos estaleiros e nos poligonos industrias, e despois facer as marchas pola cidade cara o xulgado, onde permanecerán concentrados estes traballadores até que se coñeza cal foi o desenvolvemento deste xuízo, que terá lugar ás dez da mañá.

Malvido engadiu que "a federación no seu conxunto entendeu que era necesario mobilizarse, que estes compañeiros, aos que se lles pide catro anos, dous anos por destrozos e dous por danos, e unha multa de 8.000 euros, é un xuízo ao conxunto do sector e a esa loita que se deu no 2007, contra a precariedade e a eventualidade, que chegaba ao 86%, e que iso se reduciu até chegar  ao 45%, polo que consideramos que aquilo foi un éxito e que o temos que defender".

"Sobran razóns para esta folga"

O secretario nacional do Metal sobre as acusacións da patronal sobre unha suposta ilegalidade desta convocatoria subliñou que "sobran os motivos no sector para esta folga, como os que expuxemos na convocatoria presentada en Traballo, porque hai un problema xa que os traballadores inmigrantes non están a cobrar segundo marca o convenio, a precariedade é evidente no sector e xa nin tan sequera falamos dos numerosos problemas de saúde laboral". Malvido incidiu en que "non imos negar que esta convocatoria está realizada tamén para acompañar aos nosos compañeiros diante deste xuízo, pero aqui temos moitas razóns para esta folga, máxime cando este ano se vai iniciar a negociación do novo convenio para o Metal, e aínda hai cousas que se tiñan que estar a cumprir e non é asi".

Mobilización tamén no sector do automóbil

Malvido deu a coñecer tamén a celebración da asemblea de afiliados e afiliadas da automoción do pasado sábado 31 de xaneiro, que se realizou "para pulsar o ambiente, porque aínda non hai conciencia de seu como conxunto neste sector e a ten que ter, porque a situación que está a vivir é o suficientemente grave como para que o automóbil comece a tomar esta conciencia, porque non van valer solucións individuais, porque a solución terá que ser global e teremos que loitar pola defensa de este sector".

Asimesmo, engadiu que "estamos convencidos de que hai un proceso de reconversión encuberta para este sector, e hai que tomar conciencia de que se mobiliza e defende o sector ou o imos pasar realmente mal".

Desde esta rolda de prensa, Malvido valorou positivamente as medidas gubernamentais que se dean para apoiar ao sector do automóbil, "que é estratéxico para Galiza", e destacou as axudas que se están a dar desde o goberno alemán e francés para incentivar o consumo e a compra de coches. 

Manifestación na terceira semana de febreiro

Miguel Malvido adiantou que na terceira semana de febreiro, "con data aínda por concretar, porque queremos que esta sexa unha grande mobilización, e con boa preparación",  terá lugar unha nova manifestación en defensa do sector da automoción, e criticou a aquelas a empresas deste sector que están a incentivar a flexibilidade "ao mesmo tempo que negocian ERE's, que só podería ser unha medida que se dera nunha situación moi crítica, e non podemos continuar con esta situación, polo que temos que pelexar para cambiala".

cig.prensa@galizacig.com