A medida afectará aos traballadores e traballadoras de SSCC de toda Galiza, pero fundamentalmente de Vigo, menores de 40 anos e con menos de 15 anos de antigüidade na empresa. O período de formación previsto é de 3 días, e pasaran outros 15 días na oficina. O posto será o “que lle toque”.
A mobilidade poderá superar os 25 Km, sen que especificasen a día de hoxe a figura legal pola que se rexeran estes traslados.
A empresa argumenta que se trata dunha medida temporal para reforzar a rede comercial, despois de que despediran aos temporais e de que practicamente desmantelasen os equipos volantes.
Paso previo ao SIP
Desde CIG-Banca advirten que “moito nos tememos que esteamos ante un primeiro paso previo ao SIP, que xa anunciamos levará ao desmantelamento cando menos parcial dos Servizos Centrais de Vigo. Comezan a preparar ao persoal para que no futuro teña os coñecementos para ir á rede de oficinas”.
Alén diso, aseguran que exercerán “todas aquelas opcións que estean ao seu alcance, dado que estamos ante unha medida colectiva” e engaden que, “non podemos perder a perspectiva: a fusión galega duplica os SSCC, pero o SIP os triplica, cuadriplica ou quintuplica, dependendo do número de Caixas que os integren”.
Defensa da continuidade dos Servizos Centrais en Vigo
CIG-Banca reitera a súa defensa da continuidade dos Servizos Centrais de Caixanova enn Vigo, como teñen transmitido tanto á Consellería como no Consello Económico Social de Vigo convocado por Abel Caballero. “A CIG non contempla outra alternativa”.