Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 3/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG vai presentar denuncia no TSXG contra Arriva pola persecución á que están sometidos os delegados e afiliados desta central

O sindicato tampouco descarta presentar unha querela criminal por coaccións contra a Directora de Recursos Humanos
A CIG denunciou publicamente a situación que están a padecer os traballadores e traballadoras de Arriva Noroeste, especialmente no caso dos delegados e o persoal afiliado/a á central nacionalista, aos que a empresa de transportes somete a unha persecución constante. Diante desta situación a CIG xa ten presentado denuncias na Inspección de Traballo (quen xa actuou no centro de Ferrol) e nos vindeiros días vai presentar demanda de tutela de liberdade sindical diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, aínda que tampouco se descarta levar adiante unha querela criminal contra a responsábel de Recursos Humanos por coaccións e vulneración dos dereitos.
De esquerda á dereita: Ernesto López Rei, Secretario de Saúde Laboral da FGAMT-CIG, Xesús Seixo, Secretario Xeral da CIG, e Xesús Pastoriza, Secretario Federal de Transportes da FGAMT-CIG.

O Secretario Federal de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, acompañado polo responsábel de Saúde Laboral da Federación, Ernesto López Rei, e o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, explicou que hai dous anos, coincidindo co cambio de dirección en Arriva Noroeste, a empresa solicitou á CIG a súa colaboración para mudar o rumbo das relacións laborais no conxunto dos centros de traballo de Galiza. Non obstante, pouco tempo despois, a mala vontade da compañía quedou patente deixando aos traballadores/as afiliados/as á CIG sen fins de semana libres durante meses, dándolle as peores quendas, rescindíndolles os contratos (despedimentos que foron declarados improcedentes) e mesmo non renovando ao persoal que se relacionaba cos delegados da CIG.

Diante desta situación, explica Pastoriza, a central tentou en numerosas ocasións pórse en contacto coa dirección de Arriva, aínda que a empresa se negou sistematicamente a reunirse co sindicato e cos seus delegados, remitíndose unicamente  ás xuntanzas co Comité. “Foi entón cando decidimos enviar un burofax comunicando que esa colaboración solicitada non tiña sentido e que se ían denunciar todas as irregularidades cometidas pola empresa”, apunta o responsábel de CIG-Transportes.

A resposta da empresa chegou a modo de comunicación de cambio de quendas, sistema de rotacións e descansos e mesmo se atreveron a indicar que se ía proceder ao “estudio das contratacións temporais”. “É dicir, chegan a tal grao que até fan oficial a represión aos traballadores/as”, criticou Pastoriza, que tamén explicou que a central ten presentadas denuncias na Inspección de Traballo e vai presentar conflito colectivo no Tribunal Superior de Galiza en demanda de tutela de liberdade sindical.

Ameazas aos traballadores/as temporais

“Estase cometendo un atropelo que ten visos de ir polo camiño do delito contra a dignidade dos traballadores/as. O que non pode facer Arriva cando contrata un traballador temporal é amosarlle as fotos dos delegados da CIG e ameazalos co despedimento se manteñen contacto con eles”, afirmou Ernesto López Rei.

De feito, nestes momentos hai diversas denuncias na Inspección de Traballo, que xa levou a cabo unha actuación no centro de traballo de Ferrol, e estase pendente do resultado da investigación no centro de A Coruña. Así mesmo, dende a FGAMT-CIG anunciouse que nos vindeiros días se vai presentar unha demanda de tutela de liberdade sindical no TSXG, por mor da persecución que padece o conxunto do persoal.

Neste senso, o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo,  apuntaba que, nestes momentos de crise e destrución continuada do emprego, vólvese importante acadar pactos que contribúan a superar esta situación. Porén, actitudes de empresas como Arriva, xunto a teima da patronal de continuar pola vía da precarización da clase obreira, impiden desenvolver calquera tipo de políticas de colaboración. “Estas actitudes só xeran confronto, porque non imos permitir ningún tipo de recortes dos dereitos dos traballadores/as. A CIG tomará todas as medidas de carácter legal e realizará todas as mobilizacións precisas para reclamar que os dereitos dos traballadores/as sexan respectados”, aseverou.

Cara unha querela criminal

López Rei tamén puxo nome e apelidos á causante desta situación: Alicia Barreira, a responsábel de Recursos Humanos de Arriva. “Esta señora vai sentar no banquillo, porque a CIG non vai consentir que este tipo de medidas queden impunes, tanto no terreo laboral como penal: non se pode andar pola vida ameazando a xente e vulnerando a liberdade sindical e pretender que che saia gratis”, advertiu.

Neste senso, Xesús Pastoriza adiantou que a CIG estuda presentar unha querela criminal contra Barreira, quen xunto con Rafael Sánchez, o antigo responsábel de RRHH da empresa, e o ex director xeral de Arriva, están imputados nunha causa penal, que levan os xulgados de Ferrol, por un posíbel delito de coaccións, contra os dereitos dos traballadores e mesmo por lesións.

cig.prensa@galizacig.com