Perto de 300 delegadas e delegados da CIG de Pontevedra participaron na asemblea comarcal que este 3 de marzo tivo lugar en Vilagarcía, que logo rematou cunha manifestación até a oficina da Seguridade Social neste concello.
Traballo cara ao 10 de marzo
Rafa Iglesias, secretario comarcal da CIG de Pontevedra, comezou a súa intervención neste acto para lembrar a importancia de facer un traballo importante de aqui en adiante cara o 10 de marzo, desde as empresas e con asembleas nos centros de traballo que asi o decidan.
"Esta reforma laboral que queren facer todo apunta a que vai ser unha reforma en negativo, para sacarnos dereitos, xa que queren meter máis causas de despedimentos obxectivos e baixar a indemnización dos despedimentos, entre outras cuestións", engadia Iglesias.
Estado de precariedade
O secretario comarcal lembraba que o Estado español é "o estado máis precarizado da UE, xa que de cada 100 traballadores 35 son eventuais e están no circuito de contrato temporal e paro, e volta a empezar", e recordou que "canto máis barata sexa a indemnización máis fácil será para a patronal botar fora a aquelas persoas máis reivindicativas, polo que se instalara o medo nas empresas polo temor á perda do emprego en tempos de crise".
Nese sentido, chamou á mobilización e "animar á xente, porque hai razóns para sair á rúa e defender os nosos dereitos".
Discrepancia con CCOO e UGT
Xoan Xosé Bouzas, secretario da Unión Local da CIG- Salnés, incidiu nas discrepancias da CIG respecto ás centrais sindicais españolas CCOO e UGT: "Eles asinaron un pacto de contención salarial en Madrid, que cando chegamos á negociación colectiva xa nos deixa vendidos para acadar uns convenios dignos, e así eles apostan por continuar coa perda de poder adquisitivo da clase traballadora. Cando se fala das pensións hai que lembrar que se os salarios son máis baixos, as pensións tamén o serán".
Bouzas cualificou de "comparsa do goberno" a estes dous sindicatos, e manifestou que "en pouco tempo imos ver como van entrar no xogo do goberno e da patronal con estes temas que estamos a tratar hoxe aqui".
"Queren despedir gratis"
Tamén indicou que no que vai de ano aumentarib tanto o número de desempregados, como os ERE's, concursos de acredores presentados e despidos obxectivos na comarca, e criticou que nesta situación o empresariado tenta aproveitarse e "queren despedir gratis".
Apostou por gravar ás rendas máis altas, rematar cos paraisos fiscais, entre outras alternativas da CIG apresentadas contra a crise. Rematou convocando á afiliación do Salnés á manifestación de Pontevedra do 10 de marzo porque "temos que dar a batalla".
8 de marzo: resistimos e loitamos
Rosa Domínguez, da Executiva Comarcal de Pontevedra e responsábel da Secretaria da Muller, apresentou a campaña do 8 de marzo, que ten por lema "resistimos e loitamos", e deu a coñecer as distintas situacións de desigualdade que viven as mulleres no mercado laboral e fóra del, coa dobre xornada.
Anunciou que o 8 de marzo haberá unha concentración de delegadas e delegados en Pontevedra para visibilizar as demandas da CIG nesta data de reivindicación das mulleres traballadoras.
Manifestación até o INSS
Baixo unha chuvia, que non deixou de cair en ningún momento, as delegadas e delegados da CIG da comarca de Pontevedra percorreron as rúas de VIlagarcía, en manifestación, até chegar ás portas das oficinas da Seguridade Social neste concello.
Berros contra a reforma laboral, o recorte das pensións ou o aumento da idade de xubilación foron constantes, até que rematou esta mobilización.
Ás portas do INSS, interveu o secretario da Unión Local do Salnés, Xoán Xosé Bouzas, quen manifestou que "a CIG quere denunciar que desde o goberno, lonxe de adoptar medidas para combater aquelas políticas que nos levaron á crise económica, estase a recorrer a reformar a Seguridade Social e o mercado laboral en sentido negativo para os traballadores/as, mentres elude adoptar medidas fronte aos culpábeis da crise do capital financeiro e a economia especulativa".