Dende a CIG-Banca lembran que Banesto foi o Banco mais favorecido polas axudas públicas do FAAF (Fondo adquisición activos financeiros), recibindo en total 1.301.000.000 euros, a maior parte no ano 2009. No mes de outubro puxo en marcha unha vaga de 300 despedimentos, recoñecendo a improcedencia nunha parte importante dos casos indemnizando ao persoal (sen chegar aos 45 días). Deste xeito os recursos públicos recibidos para estimular a concesión de cretos foi utilizado polo Banesto para financiar indemnizacións por despedimentos.
Dos 300 despedimentos inxustos, (realizadas para abaratar custes con xustificacións peregrinas), 10 foron en Galiza, e, no caso concreto de Ourense, viuse afectado un compañeiro que levaba 20 anos de servizo. Unha vez que se coñeceu o despedimento a CIG puxo en marcha unha serie de mobilizacións ante a oficina principal en Ourense, presentándose ademais denuncia no xulgado (foi un dos poucos casos). Finalmente empresa e traballador chegaron a un acordo económico.
“Non chegándolle con despedir inxustamente a 300 persoas o banco pretende dar un escarmento á representación sindical da CIG para tentar amedrentala para poder actuar con impunidade”, critican dende a CIG-Banca. Pero o efecto foi o contrario do que pretendía a Dirección: o sindicato xa presentou unha demanda por tutela de dereitos, tendo data o xuízo para o día 12 de marzo e puxo en marcha unha campaña pública de denuncia da política laboral do Banesto e da persecución sindical por parte desta entidade.