Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 3/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Os traballadores/as de SEAGA denuncian que a Xunta está adxudicando tarefas silvícolas e de reforestación a empresas privadas

A forte presenza policial impediu levar a cabo as accións que tiñan previstas para hoxe nas delegacións provinciais da administración galega
A forte presenza policial impediu que os traballadores/as de Seaga levasen a cabo as accións de protesta que tiñan intención de realizar en cada delegación provincial da Xunta e na Consellaría do Medio Rural, que se concretarían en encerros nos edificios. Non obstante, o desproporcionado número de axentes presentes nas delegacións fixo inviábel levar adiante as protestas a través das que o persoal quere reiterar as denuncias sobre a súa precaria situación laboral, a incerteza sobre o futuro da empresa de servizos agrarios e demandar explicacións ao Goberno galego de por que está asignando a empresas privadas as tarefas forestais que até o momento viña realizando persoal de Seaga.

Desta volta, ademais, as denuncias centráronse na adxudicación a empresas privadas dos traballos de reforestación e labores silvícolas que até agora viñan executando os traballadores/as de Seaga. “Isto é unha decisión política, non é que non haxa tarefas para realizar, senón que interesa darlle estas encomendas á empresas privadas”, explicaba Ignacio Dans, do Comité de Seaga en A Coruña. Neste senso, dende os Comités demándase ao Goberno galego que explique cales son os motivos polos que se están asignando os traballos forestais a empresas privadas mentres se despedide a persoal de Seaga.

Nestes momentos na provincia de A Coruña tan só hai seis ou sete traballadores/as dedicados ás labores forestais, cando a empresa dependente de Medio Rural chegou a ter 200 persoas destinadas a estas tarefas. “As labores de limpeza de pistas e prevención non as está facendo ninguén”, lamentou Dans, quen apuntou que tamén se rexistrou un descenso do persoal do Centro de Atención ao Agro Galego (CIAG), que pasou de 24 a 16 traballadores/as, así como unha redución do 30% do persoal veterinario. O que supón unha clara diminución na calidade dos servizos prestados pola empresa.

Dende a CIG-Servizos denunciouse tamén o manexo arbitrario das cifras de contratación referidas ao sector de prevención e extinción de lumes. Así, apuntouse dende o Comité, na Xunta existe un número importante de traballadores/as fixos-discontinuos que entran a formar parte do dispositivo contra incendios cando comeza a precampaña, pero que non realizan labores silvícolas e de prevencións, senón de vixilancia e extinción.

Un ano agardando noticias da Xunta

Dans lembrou que os traballadores/as levan un ano tentando manter conversas coa Consellaría do Medio Rural e a dirección da empresa para esclarecer cales son as intencións da Xunta a respecto do futuro de Seaga e concretar a sinatura dun convenio. “Non sabemos cal vai ser o noso futuro a tres meses do inicio da campaña de lumes. Tampouco temos claro quen vai levar  campaña, se Seaga, os concellos ou a Xunta, e mesmo nestes dous últimos casos os comités tampouco teñen garantido que as listas de contratación de Seaga vaian ser usadas polas outras administracións”, lamentou.

Por iso, dende o Comité demandouse novamente o inicio de negociacións coa Consellaría de cara a acadar un convenio colectivo para o sector que garanta unhas condicións mínimas de traballo e uns soldos “que agora non temos garantidos” e consolide un servizo tan importante para Galiza, que hai que lembrar é unha zona de alto risco de incendios.

 

cig.prensa@galizacig.com