Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 3/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Repártense entre os traballadores e traballadoras de instalacións deportivas os 24.000 euros recadados cos bonos axuda

Persoal e sindicatos estudan máis iniciativas para conseguir fondos e avalían un novo calendario de mobilizacións
Na mañá deste mércores procedíase a facer o reparto dos cartos recadados nos últimos días coa venda dos bonos axuda entre todos os traballadores e traballadoras en folga das instalacións deportivas. En total uns 24.000 euros dos que cada persoa recibiu 100 euros, que se poderán ir incrementando nos vindeiros días, xa que a venda dos bonos continúa adiante e mesmo se están a estudar novas iniciativas para conseguir fondos. Ao mesmo tempo, e tras da ruptura das negociacións coa patronal, traballadores/as e sindicatos están a organizar un novo calendario de mobilizacións.

Logo dunha asemblea na que traballadores/as e sindicatos analizaron o resultado da xuntanza mantida coa patronal o martes e avanzaron medidas a desenvolver nos vindeiros días, tiña lugar o reparto dos cartos recadados nos últimos días coa venda dos bonos axuda. En total algo máis de 24.000 euros a repartir entre os traballadores e traballadoras que viñeron secundando a folga indefinida iniciada o pasado 1 de febreiro, que xa se perfila como unha das loitas laborais máis duras dos últimos tempos.

Aínda que a contía non chega para cubrir as necesidades económicas do persoal, os 100 euros que esta mañá recibiu cada traballador e traballadora supoñen un pequeno alivio para un colectivo que non percibiu nin un euro do seu salario na nómina de febreiro; e sobre todo, supoñen unha inxección moral diante da perspectiva dun conflito que se vai prolongar no tempo, logo da ruptura do proceso negociador.

Segundo informou o Secretario Nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, na asemblea celebrada en A Coruña, na comarca de Ferrol recadáronse 2.700 euros, na de Pontevedra chegaron aos 3.000, en Compostela conseguíronse máis de 1.000 euros e en A Coruña a recadación superou os 4.000 euros. A maiores, a CIG aprobou a compra de bonos axuda por cada estrutura da Confederación (comarcas e federacións), o que permitiu elevar o total da cifra conseguida até os 24.000 euros. Neste senso, Rubido tamén explicou que a venda dos bonos axuda vai continuar nos vindeiros días.

Alén disto, durante a asemblea persoal e sindicatos barallaron ideas e propuxeron iniciativas a desenvolver de cara a conseguir novos fondos para distribuír entre os traballadores/as en folga e evitar que a cuestión económica se converta nunha fraqueza aproveitábel pola patronal para impor a súa plataforma. Así, estase estudando realizar maratóns deportivos, festas, concertos, actividades polos concellos, etc., que se irán concretando nas vindeiras xornadas.

Así mesmo, os traballadores/as non van descoidar as protestas na rúa nin deixarán de visibilizar o conflito, de xeito que xa están a preparar un novo calendario de mobilizacións.

Durante o decurso da asemblea, os traballadores/as tamén expulsaron do auditorio do edificio de sindicatos a un membro de Itinere, xa que os traballadores/as desta empresa non están secundando a folga.

cig.prensa@galizacig.com