Pouco despois das dez da mañá daba comezo no Salón de Actos da CIG de Vigo unha asemblea de delegados e delegadas da Construción de Pontevedra e Vigo para organizar a acción que unha hora despois tivo lugar no centro desta cidade.
Nesta asemblea, Xoan Xosé Melón, secretario nacional da CIG-Construción, subliñaba a importancia desta xornada "como un novo día de accións coordenadas e simultáneas en todo o país para denunciar os abusos que estamos a vivir no sector", asi como incidiu en que esta campaña de denuncia "está nunha primeira fase, pero se as cousas non mudan pasaremos a unha fase de maior contundencia despois do verán".
Asi, Melón fixo referencia tamén á primeira xornada de denuncia destes incumprimentos que se realizou o 11 de febreiro, e na que se ocuparon distintos tramos das obras do AVE, tamén nas distintas provincias do país. "Queriamos comezar polas obras da Administración, primeiro foi a do AVE, e nesta xornada en Vigo imos sinalar á Administración local, que tamén está a incumprir o convenio, e que é algo común en todo o sector" engadiu o secretario nacional da Construción, que insistu na necesidade de repartir o traballo en tempos de crise, e coas condicións fixadas no convenio. Por iso, Melón salientou a necesidade da mobilización "porque senón denunciamos o que está a pasar, créanse situacións de medo e salarios cada vez máis á baixa".
Acción en Vigo nas obras do aparcamento do centro da cidade
Ás once da mañá chegaban máis de 100 delegados e delegadas das comarcas de Vigo e Pontevedra até o cruce de Colón, onde está situada unha das obras máis grandes da cidade: a do aparcamento de Policarpo Sanz, da que é responsábel o Concello de Vigo. Nesta obra realízanse xornadas moi superiores ás marcadas por convenio, asi como as horas extra non se pagan segundo o establecido no convenio. Os traballadores da Construción entraron nesta obra, onde realizaron unha asemblea cos empregados que estaban a traballar na mesma, que quedou paralizada durante algo máis dunha hora.
Desde aqui encamiñaron os seus pasos até a delegación da Inspección de Traballo en Vigo, onde fixeron entrega dunha denuncia na que se expuñan "o deterioro das condicións de traballo e os incumprimentos do pactado nos convenios colectivos no sector da Construción da provincia de Pontevedra", no que destacaban: a contratación por hora, o incumprimento das práticas preventivas, o exceso de horas extras, o fraude que supón á Seguridade Social e á Facenda Pública o non abonamento regulamentario das horas extras, os abusos que se cometen na contratación de inmigrantes e traballadores transfronteirizos, o non disfrute de vacacións, asi como a contratación fraudulenta e incumprimento do establecido na Lei de Subcontratación e Convenio provincial en materia de porcentaxe de traballadores fixos".
Ademais a semana do 6 ao 12 de abril para a Construción nesta provincia é festivo, e tamén se denunciaba que se estaban a dar propostas de baixa na Seguridade Social para estas datas ou a obriga de traballar eses dias.
Mentres se facía entrega no rexistro da denuncia, unha concentración co resto de delegados e delegadas permanecía ás portas da Inspección de Traballo en Vigo.
Denuncia ante a Inspección polas obras do Ikea en A Coruña
No caso da provincia de A Coruña, delegados e delegadas da CIG-Construción concentráronse nas obras das futuras instalacións de Ikea no Polígono de A Grela. A decisión de trasladar a mobilización a este punto veu tomada, segundo explicou o responsábel comarcal da federación, Vitorino Ares, pola situación de abuso de xornada e falla de seguridade que sofren os operarios/as desta obra. Ares explicou que a semana pasada presentaron unha denuncia ante a Inspección logo de coñecer que as empresas responsábeis das obras ameazaron aos traballadores/as con despedilos se non acuden ao seu posto os feriados recollidos no convenio.
Por este motivo, os delegados e delegadas repartiron copias do calendario de festivos na construción e explicaron aos traballadores/as os motivos da mobilización. Ares apuntou que ademais do abuso de xornada por parte das empresas responsábeis da obra de Ikea, se ten constancia do incumprimento do salario "que calculamos está un 20% por debaixo do recollido no convenio" de fallas graves de seguridade, producíndose onte mesmo outro accidente laboral.
Lugo rexistra un 56% máis de parados/as no sector que hai un ano
A CIG-Construción de Lugo volveu realizar a acción reivindicativa nunha obra pública, desta volta trasladáronse até Xermade para concentrarse nun tramo da autovía de Ferrol-Vilalba, Afonso Losada, responsábel comarcal do sector, lembrou que o número de parados/as na construcción na provincia de Lugo medrou en 400 persoas no últimos mes e "no acumulado anual xa acadamos un 56% de desemprego que no pasado ano".
A este respecto, destacou que se continúan a realizan xornadas "de 10 e até 12 horas diarias, co menoscabo que esta situación supón en canto a posibilidade de absorber traballadores en situación de desemprego". Afonso Losada insistiu en que este feito "resulta aínda máis escandaloso na obra pública", xa que "supostamente vai reciber un certo impulso por parte das administracións para tratar de absorber ou minimizar os efeitos da crise no sector da Construcción", mentres se continúa a incumprir o convenio sistematicamente.
Suspéndese o acto en Ourense
Debido ao peche de varias empresas da Construción e aos conflitos abertos neste sector na provincia de Ourense tivo que suspenderse esta acción, pola gravidade de situación e pola necesidade de atender os problemas do sector que xurdiron nas últimas horas en Ourense.
Máis imaxes da xornada
Nesta ligazón , na sección multimedia da nosa web, podedes atopar máis imaxes destas accións.