Dende a CIG-Correos denunciouse que Rianxo conta tan só con sete carteiros para realizar o reparto en todo o municipio. Ademais, destes sete, un realiza a distribución na área urbana mentres que os outros seis cobren as zonas do rural.
Anxo Álvarez, secretario de organización da CIG-Correos, subliñou que os sete carteiros destinados para unha poboación de case 12.000 habitantes “é totalmente insuficiente”. “Farían falta polo menos tres repartidores/as a maiores dos que xa están traballando para ofrecer un servizo de cualidade”, pois explicou Álvarez, “hai zonas de Rianxo nas que o carteiro para unha vez cada catro días”.
A mobilización enmárcase dentro das accións que o persoal de Correos da provincia de A Coruña vén desenvolvendo nos últimos meses para reclamar a incorporación de novos/as traballadores/as e levar adiante melloras laborais para todo o cadro de persoal.