Pasadas as once da mañá, os membros do Comité de Sykes nos centros de Lugo e A Coruña iniciaban un peche nas oficinas que a Consellaría de Traballo e Benestar ten no edificio Proa, en Matogrande, coa intención de trasladar ao xefe territorial o rexeitamento unánime ao ERE presentado pola empresa e demandar da Consellaría o compromiso de que non vai aprobar unha regulación que suporá o despedimento de case 300 traballadores/as.
Non obstante, ao igual que acontecera o venres pasado, Comité e sindicatos non foron recibidos polo Xefe Territorial quen, ao parecer se atopaba en Compostela, senón que tiveron que trasladar as súas reivindicacións ao Xefe do servizo, a través do que tampouco se xestionou un encontro con responsábeis políticos da administración nin se informou da situación da tramitación do ERE, que debería estar resolto esta mesma semana.
“Repetimos a mobilización xa que o venres non nos recibiu ninguén con capacidade de decisión da Consellaría e hoxe non só non nos reciben, senón que nos volven mandar a policía para desaloxar o edificio. Esa é toda a resposta que o goberno galego pode dar aos traballadores/as mentres a Conselleira de Traballo continúa desaparecida”, criticou o responsábel de CIG-Banca de A Coruña, Óscar Calvo.
Neste senso, hai que destacar que o encerro se prolongou, á espera dunha resposta por parte da Consellaría, até as dúas e media da tarde, momento no que os efectivos da policía procederon ao desaloxo das oficinas.
Moción de apoio no Concello
Paralelamente á acción de protesta na xefatura da Consellaría, no pleno do Concello de A Coruña aprobábase por todos os grupos políticos unha moción na que se insta á dirección de Sykes a que manteña os postos de traballo e á Xunta de Galiza a non aprobar o ERE e evitar a deslocalización desta plataforma do telemárketing. A este respecto, dende a CIG de A Coruña criticouse a hipocrisía do voceiro do Partido Popular, Carlos Negreira, xa que na sesión plenaria deste luns apoiou unha moción que rexeitara con anterioridade no Parlamento galego.
Acto de conciliación no SMAC
Na xornada do martes, ás 11:00 horas, terá lugar o acto de conciliación no SMAC de A Coruña polo despedimento de 40 traballadores/as, dos máis de cen operarios/as con contratos por obra aos que Sykes rescindiu a súa relación laboral o pasado mes de marzo, que está asesorando o servizo xurídico da CIG. O responsábel de CIG-Banca xa adiantou que se vai solicitar a nulidade de cada un destes despedimentos.