Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 3/5/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Concentración diante do Multiusos de Sar en demanda da readmisión do socorrista despedido das piscinas municipais

Foi despedido un mes despois de rematar a folga de instalacións deportivas
A CIG convocaba, o pasado xoves 29 de abril, unha concentración diante das portas da empresa XADE, que xestiona o Multiusos de Sar e o complexo deportivo de Santa Isabel, en demanda da readmisión do socorrista despedido un mes despois de rematar o conflito laboral que provocou a convocatoria dunha folga de 47 días de duración, nas instalacións deportivas de Galiza.

Tras dunhas protestas que duraron dous anos, con 47 días de folga e todo o mes de febreiro incluído, a primeiros de marzo remataba o conflito laboral nas instalacións deportivas de Galiza. Apenas un mes despois a empresa xestora do Multiusos de Sar e o Complexo Deportivo de Santa Isabel despedía ao socorrista Francisco Manrique González, un dos impulsores das mobilizacións, nesta mesma empresa, durante o ano 2005, onde era ademais delegado sindical da CIG.

A empresa xustificou este despedimento argüíndo que o traballador compatibilizaba o seu labor nas piscinas cun traballo nun restaurante. Unha xustificación que para a CIG é unha simple escusa para represaliar inxustamente a quen exerceu os seus dereitos laborais.

Esta concentración insírese nunha campaña na que, alén destas concentracións -que continuarán mentres o traballador non sexa readmitido-, se está a distribuír información denunciando esta situación e se están a recoller sinaturas de apoio dirixidas ao alcalde e presidente da empresa, Xosé Sánchez Bugallo, para que interveña e dea unha inmediata solución ao conflito.

O pasado 19 de abril realizouse unha asemblea no Multiusos para debater o despedimento do socorrista, que foi unha das máis numerosas que se teñen celebrado no centro de traballo. Na porta da instalación, o xerente, Antón Antelo e o conselleiro delegado, Santiago Cuadrado, impedían a entrada do despedido con dous gardas de seguridade contratados a tal efecto.

Na xuntanza constatouse o medo que hai ás represalias, malia o que na votación das propostas de apoio ao traballador represaliado os compañeiros/as as apoiaron maioritariamente, con só 5 abstencións. A CIG denuncia que, á mañá seguinte comezaron a presionar aos traballadores/as, tras do chivatazo dalgún dos presentes.

A CIG fai un chamamento á empresa para que cesen estas actitudes, nomeadamente ao alcalde e presidente de XADE, Xosé Sánchez Bugallo, ao xerente, Antón Antelo e ao conselleiro delegado, Santiago Cuadrado.

cig.prensa@galizacig.com