Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 3/6/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG de Valdeorras presenta denuncia ante a Inspección polas coaccións da Fundación Valdegodos a un afiliado da central

O persoal estuda elaborar un calendario de mobilizacións en todos os centros da empresa
A CIG de Valdeorras vén de anunciar que presentou denuncia contra a Fundación Valdegodos ante a Inspección de Traballo, por mor dos “atropelos e represión” que están a padecer os traballadores/as deste centro, nomeadamente, desta volta un afiliado da CIG. Así mesmo, sinalaron que a vindeira semana adoptarán unha serie de medidas para denunciar publicamente a situación laboral do persoal, entre as que incluirán un calendario de mobilizacións nos centros da Fundación.

Dende a Unión Local denuncian que non é a primeira vez que a Fundación Valdegodos represalia as/os afiliados da CIG-Valdeorras, desde que a central ten representación nos distintos comités de empresa da Fundación. As coaccións, sinalan dende a CIG-Valdeorras, “véñense dando de distinta forma, desde ameazas verbais até negarlle as/os afiliadas/os os cambios de quendas, cambiarlle a quenda segundo o capricho da dirección do centro, modificarlle a carteleira para prexudicar o máximo posible as/os traballadores que están a reclamar os seus dereitos, como o pago de trienios, horas extras e condicións dignas de traballo, etc.”.

Desta volta, sinalan, as represalias céntranse no compañeiro José Rodríguez Ortega, traballador que “sempre se caracterizou pola súa dispoñibilidade a axudar o resto dos seus compañeiros/as”, estando á fronte de todas as reclamacións e reivindicacións á empresa, ademais de ser un dos impulsores da candidatura da CIG na Fundación Valdegodos.

“A dirección  con esta actitude dictatorial pretende conseguir que as traballadoras e traballadores desistan das súas reivindicacións e vingarse de todas/os aquelas/es que están a reclamar os dereitos máis elementais dentro da empresa”, critican dende a CIG de Valdeorras. Non obstante, advirten que, a pesar das coaccións, o persoal manterá a súa loita.

Denuncias e mobilizacións

De feito, xa teñen presentado a correspondente denuncia diante da Inspección de Traballo polo caso do afiliado da CIG e nos próximos días achegarán aos responsábeis da Consellaría “todas as nosas queixas”. Así mesmo, anunciaron que na vindeira semana estudaranse as medidas a adoptar polos traballadores/as, entre as que incluirán un calendario de mobilizacións en todos os centros da Fundación, denunciando “os atropelos e represión da dirección da empresa” contra o persoal que está a reclamar os seus dereitos.

 

cig.prensa@galizacig.com