A manifestación, baixo o lema “Polo dereito á folga. Contra a represión sindical en Povisa,” transcorreu pola Gran Vía e as rúas Salamanca, Zaragoza, Tarragona, Barcelona e Pintor Colmeiro, para rematar na praza da Independencia. Unha vez alí, o máximo responsábel do sindicato tomou a palabra para lembrar a todos os presentes que a CIG considera o despido como un acto de represión sindical e criticou a recente sentenza do TSXG por supoñer “un atentado contra o dereito á folga e ao traballo sindical nas empresas”. Seixo quixo deixar claro que a central seguirá a confrontar todas as agresións da patronal contra a clase traballadora e salientou a labor feita durante 20 anos pola compañeira despedida en defensa dos intereses de todos os empregados/as de Povisa.
Durante a marcha berráronse consignas contra a represión sindical e a favor da readmisión de Consuelo Martínez, sobre todo no momento en que os manifestantes se detiveron diante do centro médico. A través da megofonía deuse lectura tamén dos principais argumentos que esgrime a CIG para rexeitar o despido e a sentenza que o declara procedente. Entre as críticas, salientouse o feito de que a resolución xudicial supón “un grave punto de inflexión no alcance da garantía de indemnidade que a doutrina xurisprudencial mantiña ate agora respecto da actuación dos representantes sindicais no exercicio das súas funcións, singularmente en situacións de conflitividade ou exercicio do dereito de folga”.
Lembraron que contra o que viña resolvendo o propio TSXG, en sentenza de 29-6-09, e noutras do Constitucional (STC 17/2003, 17/2005 e 38/2005, entre outras moitas no mesmo sentido), esta sala do TSXG decide revogar a sentenza que declarara a nulidade do seu despido, e declarar agora a procedencia, sen atribuír á representante sindical despedida mais que terlle chamado “esquirol” a un traballador que previamente a empuxara, falar polo megáfono e criticar puntualmente a outros compañeiros que boicoteaban a folga. E todo nunha situación de “grande tensión” -como recoñece a propia sentenza- provocada pola actuación empresarial “antifolga”, mesmo no establecemento unilateral dos servizos mínimos.
Represión sindical
Tamén se incidiu en que o tribunal valora, contra toda a xurisprudencia anterior e avalando os argumentos de Povisa, o dereito a traballar durante a folga, o dereito á “esquirolaxe”, en moita maior medida que o propio dereito constitucional á folga e a adoptar as medidas tendentes ao seu normal exercicio, fronte ás graves presións empresariais sufridas.
A traballadora despedida era a portavoz do Comité de Folga e non a non actuou de xeito individual (segundo os feitos probados da propia sentenza), xa que o seu comportamento non foi distinto ao de outros membros do Comité ou demais traballadores folguistas durante o conflito. Non obstante, a empresa decide despedila unicamente a ela, como represalia á súa traxectoria sindical ao longo de 20 anos no Comité de empresa e na defensa dos traballadores/as, o que vulnera os seus dereitos laborais e constitúe unha clara discriminación.
As valoracións públicas da sentenza formuladas nos medios de comunicación polos avogados da empresa foron tamén albo das críticas pola mensaxe que están a lanzar á sociedade. Os voceiros da patronal transmiten que nunha situación de profunda crise e conflitividade social os representantes dos traballadores abusan da súa protección legal, cando se acusa á delegada despedida de falar por un megáfono ou criticar aos esquirois. Chegan a cualificar de “traballadores VIP” aos representantes sindicais polas súas garantías e un maxistrado advirte para xustificar a sentenza que estes representantes sociais non poden ter “patente de corso”.
A protesta rematou coa interpretación do himno galego por parte dos presentes nada máis concluír a intervención do secretario xeral da CIG.