Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 3/7/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG votou en contra do modelo de Xestión da Caixa Galicia

Pola defensa dos dereitos laborais dos traballadores da entidade

O pasado 28 de xuño tivo lugar a Asemblea Xeral da Caixa de Aforros de Galicia, que entre outras cuestións debía aprobar as contas do exercicio 2007 así como a composición dos órganos de goberno despois da renovación do 50% da Asemblea. A CIG votou en contra da xestión desta Caixa de Aforros por considerar que estamos ante un modelo neoliberal e especulativo negativo para Galiza e moi agresivo no laboral.

O persoal das Caixas de Aforros ten por Lei un 10% dos representantes nos órganos de goberno. O proceso de renovación do 50% dos Conselleiros Xerais realizado este ano estivo pragado de irregularidades. A empresa tiña como obxectivo eliminar a CIG tanto da propia Asemblea Xeral como do Consello de Administración. Finalmente a Asemblea Xeral aprobou a candidatura proposta pola Dirección pola que CCOO terá toda a representación no Consello de Administración, na Comisión da Obra Social e na Comisión de Control do Consello; como contrapartida CCOO, dando un xiro ao seu discurso do ano pasado, aprobou a xestión de José Luis Méndez. Pola contra a representación da CIG na Asemblea Xeral fixo unha intervención, por boca do Conselleiro Xeral en representación do persoal, Clodomiro Montero, moi crítica coa xestión actual, a favor de manter o actual estatus xurídico da Caixa contra as intencións privatizadoras da Dirección; contraria a modelo de xestión bancarizante e especulativo e por outro modelo de xestión laboral respetuoso co persoal.

Intervención da CIG na asemblea xeral

Despois da intervención os representantes da CIG anunciaron que como protesta simbólica non quedarían a escoitar a contestación do Director Xeral, toda vez que a CIG solicitou unha reunión previa a celebración da Asemblea que a empresa non atendeu. Ante este anuncio o Director Xeral, que xa anteriormente tratara de interrumpir a intervención crítica coa súa xestión, respondeu dende a mesa que presidía a Asemblea, increpando aos representantes da CIG, ao berro "Ese señor de la camiseta roja de apoyo a la selección española", en alusión á camiseta vermella co lema "Verdade coma puños" que portaban os Conselleiros Xerais elixidos co apoio da CIG. Un feito sen precedentes nun órgano de goberno dunha Caixa de Aforros.

A CIG, na defensa doutro modelo de xestión

Dende a CIG anuncian que continuarán coa defensa do actual estatus xurídico das Caixas de Aforros, en concreto de Caixa Galicia, e que seguirán a defender outro modelo de xestión respectuoso co país e cos dereitos dos traballadores e traballadoras da Entidade.

cig.prensa@galizacig.com