Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 3/7/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG rexeita o Real Decreto de reconversión do sector financeiro para o que cada cidadán achegará 2.600 euros

A medida supón unha nacionalización “parcial e temporal”, podería supor a eliminación de 5.000 empregos e invade competencias autonómicas
A CIG amosou o seu rexeitamento ao Real Decreto Lei 9/2009 sobre reestruturación bancaria e reforzamento dos recursos propios das entidades de creto, un Decretazo que pon en marcha a reconversión do sector financeiro con escandalosas axudas públicas, por valor de 100.000 millóns de euros, e que podería levar á destrución de 5.000 empregos só na Galiza. Así mesmo, a norma abre as portas á posibilidade de fusións entre Caixas de distintas Autonomías; fusión que suporán a perda do carácter galego das principais entidades do País, Caixa Galicia e Caixanova, así como a deslocalización das súas Sedes e Servizos Centrais.

A Secretaria de Organización da CIG, Elvira Patiño, e o Secretario da CIG Banca e Aforro, Clodomiro Montero, compareceron en rolda de prensa para avaliar o Real Decreto sobre a reestruturación do sistema financeiro recentemente aprobado polo Goberno central, e que vai supor unha inxección de 100.000 millóns de euros do erario público ao sistema financeiro, aos que haberá que engadirlle os 32.000 millóns de euros xa concedidos.

Patiño lembrou que a CIG xa rexeitara á primeira inxección de cartos aprobada polo Goberno de Madrid, xa que a medida non ía favorecer nin ás familias nin ás pequenas empresas, “tal e como quedou demostrado”. Neste senso, Patiño destacou que dende a central se ten avogado pola creación dunha Banca Pública forte e estábel.

Pola súa banda, Clodomiro Montero, quen negou as afirmacións arredor da suposta boa xestión do Banco de España e da fortaleza dos sistema financeiro español, criticou duramente a “nacionalización parcial e temporal” que vai implicar a aplicación do Real Decreto, pois supón a “socialización das perdas entre todos os cidadáns”, mentres que, unha vez que se comecen a recuperar os beneficios, as entidades volverán ás mans privadas. Neste senso, lembrou que cada cidadán e cidadá achegará unha media de 2.600 euros “para salvar os bancos e as caixas”, na que é a meirande operación de rescate levada a cabo en toda Europa.

Invasión das competencias autonómicas

Montero advertiu que o plano de reestruturación financeira abre as portas a unha “reconversión pura do sector” que podería levar á perda de 75.000 postos de traballo en todo o Estado, dos que 5.000 empregos estarían na Galiza.

Así mesmo, lembrou que o Decreto invada as competencias que teñen as Autonomías en exclusiva sobre as caixas, xa que o Banco de España queda habilitado para forzar fusións entre as entidades das distintas Autonomías. A este respecto, o responsábel da CIG-Banca lamentou o mutismo do goberno do PP na Xunta ante a posibilidade da perda do carácter galego de Caixa Galicia e Caixanova, así como unha posíbel deslocalización das súas sedes e servizos centrais en A Coruña e Vigo.

A continuación reproducimos o texto da avaliación do Real Decreto realizada pola CIG-Banca:

Avaliación Real Decreto reconversión sector financeiro

No mes de febreiro de 2009, a Comisaria Europeo da competencia, Neelie Kroes, realizaba unhas declaracións nas que anunciaba que as medidas tomadas a respecto do sistema financeiro europeo eran insuficientes, e dicía que “Será necesario tomar medidas duras sobre reestruturacións ou posibles liquidacións controladas”.

O pasado venres 26 de xuño o Goberno do PSOE aprobaba o Real Decreto Lei 9/2009 sobre reestruturación bancaria e reforzamento dos recursos propios das entidades de creto, un Decretazo que pon en marcha a reconversión do sector financeiro con escandalosas axudas públicas. Este decretazo, seguindo o mandato da Comisión Europea, contempla unha reestruturación do sector e a posible liquidación daquelas Entidades que o Banco de España entenda que non son rendibles.

O Goberno elixiu iniciar a reconversión pola vía dun Decreto ante o que cualifican no preámbulo do mesmo como unha “extraordinaria e urxente necesidade”.

Estamos ante un dos maiores plans de rescate e recapitalización de toda Europa, unha nacionalización parcial e temporal do sistema financeiro do estado español, que evidencia que estamos ante unha crise sistémica, tal e como viñamos denunciando nas nosas análises dende o verano do 2007.

O actual mapa normativo e de supervisión bancario é europeo, as decisión tomadas nos últimos anos polo Comité de Supervisores de Basilea, no que está integrado o Banco de España, son adaptadas como norma a través de Directivas Comunitarias. Se o sistema financeiro europeo e do Estado Español están en crise, é debido a decisións políticas de carácter europeo e estatal, e a unha supervisión e control insuficientes.

Se as Entidades do Estado español non se viron afectadas na primeira vaga da crise, foi debido a que acudían ao mercado financeiro internacional a pedir préstamos, non a investir. Por cada 100 euros depositados nas Entidades españolas, estas prestaron 160, endebedándose bancos e caixas á súa vez no mercado internacional. Iso mantivo ao sistema financeiro do Estado a marxe da primeira vaga da crise polos investimentos en produtos tóxicos, pero o sitúa agora no ollo do furacán.

O propio Decreto establece que hai Entidades que manteñen unha posición sólida fronte a outras con graves problemas, polo que cabe entender que hai unha clara responsabilidade dos xestores de bancos e caixas que deberán ser rescatados, sen que se establezan medidas ao respecto.

No referido as Caixas de Aforros semella que o PSOE e o PP teñen un pacto de silencio ao respecto, para evitar ter que asumir responsabilidades políticas ante a situación de crise das Entidades controladas polos respectivos Gobernos autónomos.

É mais que cuestionable que se dediquen ata 100.000 millóns de euros con cargo ao erario público para a recapitalización temporal das Entidades, ante o anuncio de perdas para os vindeiros exercicios e que se prevea a súa privatización, cando as contas de resultados volvan aos beneficios.

Estamos ante unha socialización das perdas e unha privatización dos beneficios. Os investimentos xa realizados e os previstos poden chegar aos 2.650 euros por habitante do Estado, cada un de nós porá 440.000 das antigas pesetas para salvar bancos e caixas.

O modelo de sistema financeiro impulsado pola Unión Europea baseado na privatización das Entidades públicas e na suposta autoregulación por parte das empresas, quebrou en toda Europa provocando a maior depresión económica dende os anos 30. É hora de retomar o debate sobre a necesidade dunha Banca Pública, o sector financeiro é un sector estratéxico que non pode estar ao arbitrio dos especuladores sen escrúpulos.

A decisión de investir recursos públicos para rescatar Entidades privadas non é unha cuestión técnica, estamos ante unha decisión política e social que pretende realizarse as costas da sociedade, que será quen en definitiva asuma o custe a través do incremento de impostos e da redución dos servizos sociais.

Dende unha óptica laboral, o Real Decreto beneficia exclusivamente aos banqueiros, que poderán eludir as súas responsabilidades, mentres desprotexe totalmente aos bancarios, é dicir aos traballadores e traballadoras de bancos e caixas.

Estamos ante o inicio dun proceso de reconversión: máis alá das repercusións derivadas das fusións e absorcións, o Decreto do PSOE inclúe a posible liquidación e desaparición de Entidades por decisión unilateral do Banco de España, sen que se establezan garantías en materia de emprego.

Non podemos esquecer que o gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, responsable da supervisión no sector financeiro que agora precisa ser rescatado, non é o garante da boa saúde do sistema financeiro. Fernández Ordóñez é o voceiro do lobby empresarial máis insaciable o das patronais de bancos e caixas. Coñecidas son as súas declaracións ultraneoliberais a favor do abaratamento do despedimento ou da rebaixa dos salarios en consonancia coa patronal, polo que é un motivo de alarma que sexa este Organismo quen decida sobre o futuro de milleiros de postos de traballo.

O plan de rescate que pretende unha concentración do capital e, polo tanto, do poder político-económico dende unha óptica centralista e centralizadora, malia que para iso precisen destruír milleiros de postos de traballo, modelo compartido polo PSOE dende o Goberno Central e polo PP dende o Goberno Galego.

Os problemas que deben afrontar as Entidades financeiras no momento actual son tres: liquidez, morosidade e solvencia. Galiza é unha zona eminentemente captadora polo que aporta liquidez ás Entidades, así mesmo a taxa de morosidade galega é insignificante en comparación co negocio noutras Comunidades. Por último a solvencia está ligada á liquidez e á morosidade. Polo tanto as posibles disfuncións no sistema financeiro galego veñen dadas pola expansión fóra de Galiza das Entidades, a receita da fusión con Entidades doutro territorio non semella a máis atinada.

Neste senso non podemos menos que criticar a Xunta de Galicia de Alberto Nuñez Feijoo, mentres outros gobernos autónomos xa teñen expresado as súas críticas a este decreto por laminar as competencias das Comunidades Autónomas, o goberno do Partido Popular garda un silencio cómplice.

O Estatuto de Autonomía de Galicia establece que as Caixas de Aforros son competencia exclusiva da Comunidade Autónoma, polo que non cabe o silencio ante un escenario de fusións que poda levar a perda do carácter galego de Caixa Galicia e Caixanova, así como da deslocalización das Sedes Centrais e dos máis de 2.400 postos de traballo directos só contando os Servizos Centrais.

Caixa Galicia e Caixanova son dous piares fundamentais da economía galega, a perda do carácter galego destas Entidades suporía un dano incalculable e irreparable para o tecido económico galego, para os sectores e empresas estratéxicas deste país.

Por todo o exposto, anticipamos a nosa oposición ao Decretazo que inicia a reconversión laboral máis cara para as arcas públicas da historia do Estado, e a nosa firme e inquebrantable oposición a calquera movemento que leve á absorción das Caixas de Aforros Galegas por empresas de outros Territorios.

En defensa das Caixas de Aforros Galegas

Polo mantemento das Sedes Centrais e dos Servizos Centrais en Galiza

cig.prensa@galizacig.com