Segundo os datos achegados pola sección da CIG na Axencia Tributaria, o ano pasado o total de cocaína incautada en Galiza supuña o 64% do total do Estado, datos similares aos manexados nos anos 2007 e 2006. "Aínda que en termos porcentuais continuamos iguais, en termos absolutos as aprehensións de cocaína sufriron unha baixada nos dous últimos anos, superando a penas os 25.000 kg., mentres que no 2008 foron 21.813 os kg. incautados en todo o Estado. Dende a CIG consideramos que este baixón se debeu en gran medida ao desmantelamento do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) no Páis durante estes anos”, apunta o responsábel da CIG na Axencia Tributaria, Antón Lestón.
Neste senso, Lestón móstrase convencido de que unha maior potenciación de medios humanos e materiais do SVA en xeral, e na Galiza en particular, daría como resultado un maior control do tráfico de drogas. Por este motivo, dende a sección sindical xa se teñen dirixido á Dirección Xeral de VA, para que dote ás costas galegas dun Sistema Integrado de Vixilancia Exterior similar ao que actualmente opera nas costas andaluzas e canarias para control de inmigración e tráfico de estupefacientes.
“Tamén sería moi importante conseguir a instalación de scaners nos portos galegos con tráfico de contedores, xa que actualmente só Vigo conta este sistema que está a dar bos resultados no control de entrada de mercadorías ilegais”, explica Lestón. “Con estes mecanismos de control pensamos que se obterían uns mellores resultados na loita contra o narcotráfico”.
Contratación de seguridade privada
O responsábel da sección sindical da CIG lembra que a central leva anos demandando ao SVA un incremento do cadro de persoal marítimo, xa que nos últimos anos non se incorporaron novos traballadores/as e a media de idade, sinala, “é moi elevada”.
Así mesmo, indicou que algunhas bases teñen escaseza de efectivos, polo que dende a Administración se recorre a empresas de seguridade privada para a custodía de embarcacións. Esta medida, cústalle á Axencia Tributaria, só no noso País, “máis de medio millón de euros, cartos que se podían destinar á mellora dos medios materiais existentes e á adquisición de novos medios”.
A este respecto, Lestón explica que coa potenciación de medios meteriais, especialmente a incorporación dun novo helicóptero e a renovación de embarcacións nalgunhas bases marítimas, nos catro primeiros meses de 2009 aprehendéronse un total de 10,7 toneladas de cocaína, dos que o 90% foron incautados en Galiza. Isto supón un incremento con respecto a 2008 de preto de 5 toneladas.