23 dias de folga, e de novo camiñar, manifestarse e berrar pola solución do Metal, pola negociación dun convenio provincial xusto e digno. Asi, nesta xornada estaba previsto mobilizarse en Marín e Pontevedra, para estender o conflito e apoiar aos compañeiros desta comarca.
Autobuses a Marín
Pasadas as dez e media da mañá saían vinte autobuses do lado do Concello para chegar media hora despois fronte á Factoría Naval de Marín.
Neste estaleiro levaban desde primeira hora da mañá delegados da CIG da automoción de empresas con convenio propio que estiveron participando do piquete de Marín tamén nesta xornada, para de novo participar desta folga activa e solidariamente.
Marcha desde a Factoría Naval
Despois de momentos de tensión pola provocación policial, unha marcha numerosa percorría a vila de Marín, para continuar despois pola estrada cara Pontevedra, a un ritmo intenso e rápido.
Asi, os folguistas volvian demostrar que "a sede de xustiza e a raiba" continua a mobilizalos, polo que este tramo pola estrada era de novo unha pequena marcha pola dignidade dos que non se renden, a bo paso e con ánimo recuperado.
Polo centro de Pontevedra
Ao chegaren a Pontevedra, continuaron sen pararse percorrendo todo o centro e berrando "Metal unido xamais será vencido" ben alto, para que todos o podan escoitar.
Continuaron co percorrido até chegaren ao pavillón que está xunto ao estadio de Pasarón, desde onde os autobuses volverían recoller á xente de volta a Vigo.
Asemblea xunto a Pasarón
Neste espazo realizouse unha asemblea, na que se analizou a actual situación do conflito e na que se transmitiron tamén novidades.
Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, comezou a súa intervención subliando que "tiñamos que ir a Marín a acompañar a aqueles que durante todos estes dias estiveron sofrindo, aguantando a aqueles que quixeron entrar. Eses son os que teñen mérito, os que teñen integridade, a dignidade que estamos paseando por onde vamos".
"Imos gañar o conflito"
"Aqui, na mobilización, nas rúas, é onde estamos seguros de que imos gañar isto, con todos e para todos. Imos facer o posíbel para que aquí os que comezaron, que nos acompañen porque é a maneira de gañalo. Mentres o convenio non estea resolto sempre hai un conflito pendente. E que ningunha asociación empresarial poda nin tan sequera imaxinarse que isto vai quedar perdido no tempo, porque non vai acontecer asi e isto vaise solucionar, na medida na que nós temos marcados os nosos obxectivos", engadiu.
Alcántara sinalou que "os que levades todos os dias de folga, desde o primeiro dia de folga até agora, en todos estes dias dámonos de conta de que tedes que estar soportando unha situación realmente moi preocupante en canto á fráxil economia da clase traballadora. Iso sabémolo".
Caixa de resistencia
"Na CIG temos unha caixa de resistencia que se capitaliza cos recursos dos afiliados. Os afiliados con máis dun ano de antigüidade pagámoslle 20 euros por dia de folga a partir do quinto dia, e os que levan menos dun ano aproximadamente 10 ou 11 euros. O que estivemos falando entre nós é que nos parece que todos aqueles que estivestedes con ese orgullo soportando esta folga, mantendo esta loita en pé, debedes ter unha compensación. Queremos propoñer e estudar desde a CIG a posibilidade de que para que todos os que estivestedes desde o primeiro dia, participando activamente nesta mobilización até agora podades cobrar e ter a compensación e a nosa axuda igual que a que ten un afiliado cunha antigüidade menor dun ano, é dicir, 10 euros por cada dia de folga", manifestou o secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG.
Unidade sindical
Sobre a cuestión da unidade sindical, Alcántara concluiu indicando que "agardamos que nas próximas horas e nos próximos dias a resposta continúe a ser de todos e de todas as centrais sindicais, porque aquí até o final nos teñen que acompañar todos até que isto teña unha solución definitiva, pola que levamos tantos dias loitando. Non se pode dar marcha atrás. Precisamos que as outras dúas centrais sindicais nos acompañen, porque esa é a fortaleza do sector tamén".
Podes ver aquí a galería de imaxes da 23ª Xornada da Folga do Metal