Con este acordo renóvanse e mellóranse as condicións acadadas no I Acordo asinado no 2006, e inclúense novas materias e algunhas medidas que até o de agora foran postas en marcha unilateralmente pola empresa.
O II Acordo Marco agrupa condicións que melloran o Convenio estatal en materia de préstamos e anticipos, condicións financeiras, seguros de vida, de horarios, medidas en materia de conciliación da vida laboral e familiar e de apoio as vítimas de violencia de xénero, libranza de sábados e vacacións, entre outras.
Dende a Sección Sindical da CIG en Banco Pastor sinalan que o acordo asegura e amplía as condicións laborais dos traballadores e das traballadoras, nun momento no que se anuncian mudanzas no sector financeiro.
Por debaixo das expectativas
Segundo aclaran dende a Sección Sindical, o acordo non colmou as expectativas creadas arredor da asignación de categoría mínima para os postos de apoderado, nomeadamente os de Director/a e Interventor/a das oficinas.
Con este acordo o posto de Director/a continuará coa categoría de nivel VI (como no Convenio Estatal), o posto de Interventor/a coa de nivel VII e a de simple Apoderado/a coa de nivel VIII, a pesares de ter reclamado un nivel máis para cada unha destas responsabilidades.
Por último advirten que malia ser un acordo positivo porque garante a futuro as condicións laborais, a prioridade nestes intres é a defensa dos postos de traballo ante o “Decretazo” do Goberno do PSOE, que iniciou un proceso de reconversión do sistema financeiro.