marco
Compostela, 3/7/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Nove empregados/as de Los Lebreros en Ferrol quedan sen traballo e sen cobrar as tres últimas nóminas

A empresa rematou a contrata que tiña para o servizo de hostelaría do Arsenal Militar
A CIG-Servizos de Ferrol vén de denunciar publicamente que os nove traballadores de Los Lebreros destinados ao servizo de hostelaría do Arsenal Militar teñen quedado sen emprego e sen cobrar as tres últimas nóminas, logo de que rematese a contrata do Ministerio de Defensa coa empresa gaditana. Dende a CIG reclámase á administración que achegue unha solución, xa que era coñecedora das prácticas da compañía, así como da situación que padecían os traballadores/as.

Logo das xornadas de folga e das protestas polos atrasos salariais protagonizados polos traballadores e traballadoras de Los Lebreros e Los Lebreros Galicia e unha vez solucionado o problema dos operarios/as do servizo de limpeza, ao seren subrogados pola nova contrata no Arsenal adxudicada á Clece, o pasado 30 de xuño, os nove empregados/as dedicados a tarefas de hostelaría viron como se lles impedía o paso ao seus posto habitual.

Persoal do Arsenal comunicoulles que non podían acceder á cafetaría, pois a relación laboral coa empresa Los Lebreros tiña rematado e polo tanto a súa relación co Arsenal tamén. Dende a CIG-Servizos de Ferrol explican que, á diferenza da concesión con Los Lebreos Galicia que “aínda que tarde, ía facendo fronte aos pagos das nóminas”, as débedas xeradas pola empresa matriz fóronse acumulando de tal xeito que ningunha outra compañía se quixo facer cargo da contrata.

Ás débedas de Los Lebreros ascenden ao pago das tres últimas mensualidades destes nove traballadores/as, moitos dos que levaban xa 14 anos desenvolvendo a súa actividade no Arsenal Militar, así como aquelas contraídas polos impagos á Seguranza Social.

A Federación de Servizos da CIG en Ferrol instou á adminsitración a mediar na procura dunha solución para estes traballadores/as e a buscar unha empresa que se faga cargo da adxudicación do servizo. Neste senso, lembran que o Ministerio era consciente da situación que padecían os empregados/as, aínda que, en lugar de tomar medidas sancionadoras con Los Lebreros, continou realizando os pagos puntualmente, “cartos que nunca chegaron aos traballadores e traballadoras”.

De igual xeito, dende a CIG-Servizos agardan unha resposta por parte da empresa, así como as cartas de despedimento para os afectados e afectadas, aínda que xa adiantaron que de non facerse efectivo o pagamento dos atrasos recorrerán pola vía xudicial pertinente.