marco
Compostela, 3/7/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Un informe da Avogacía do Estado respalda os tres traballadores da Capitanía Marítima de Burela

Os empregados denunciaran que padecían "acoso laboral" por defender o uso do galego no seu traballo
Os tres traballadores da Capitanía Marítima de Burela que o pasado mes de maio denunciaran publicamente a situación de “acoso laboral” e “discriminación” que padecían por, entroutros, reclamaren “o seu dereito ao uso do galego no exercicio das súas funcións”, fixeron público na mañá do 3 de xuño un informe emitido pola Avogacía do Estado que “respalda xuridicamente” as súas demandas e demostra que estas “entran no marco da legalidade vixente”.
De esquerda á dereita: Xorxe Caldeiro, secretario comarcal da CIG de A Mariña; María José Novoa, de Comisións Obreiras: os tres traballadores afectados: Carmen Pereiro, Manuela Arias e Brais Fernández; e o presidente da Mesa, Carlos Callón.

Brais Fernández Preto, en nome das tres persoas afectadas pola situación de acoso laboral que, segundo xa denunciaran publicamente o pasado mes de maio, veñen padecendo desde que “solicitaron formalmente o cumprimento da legalidade” na Capitanía Marítima de Burela, estivo acompañado por Fran Rei, Vicepresidente da Mesa, Xesús Alfonsín, representante da CIG na Mesa Permanente do Ministerio de Fomento, e Manuela Arias, outra das traballadoras denunciantes, na conferencia de imprensa que ofreceron.

Brais Fernández, logo de lembrar todo o “calvario de denuncias, reclamacións e conseguintes desprezos e advertencias” que obtiveron como resposta en todo o momento por parte dos seus superiores, valorou positivamente o informe emitido pola Avogacía do Estado porque “restitúe en parte a nosa dignidade persoal e laboral, que nos foi furtada durante meses” e porque, segundo asegurou, “recoñece que as nosas reclamacións en materia lingüística son plenamente legais” e non o froito dun “intento de imposición”, como din que se asegurou en varias ocasións desde a propia Capitanía.

O portavoz dos tres traballadores denunciantes tivo palabras de agradecemento para os medios de comunicación, pois, segundo dixo, “foi grazas ao eco que se fixeron da nosa situación cando comezamos a percibir cambios e a nosa situación comezou a mellorar”, e tamén para A Mesa pola Normalización Lingüística, que lles prestou en todo o momento respaldo público e asesoramento legal, así como para as organizacións sindicais CIG e CCOO.

Un problema que persiste

Brais Fernández sinalou, con todo, que “o problema laboral persiste para nós”, malia a resolución positiva da Avogacía do Estado a respecto das reclamacións en materia lingüística que os afectados comezaran a trasladar en novembro de 2008 a distintas instancias oficiais, como a Subdirección Xeral do Ministerio de Fomento, a Oficina para as Linguas Oficiais do Ministerio das Administracións Públicas ou a Subdelegación do Goberno de Lugo. O traballador indicou que el mesmo, así como outra das denunciantes, Manuela Arias, tamén presente na rolda de imprensa, seguen de baixa médica “pola ansiedade producida pola nosa situación laboral”, no entanto a terceira do grupo, Carmen Ferreiro, é a única que si está a traballar neste momento.

O informe emitido desde a Avogacía do Estado, datado o 19 de febreiro, mais que os denunciantes aseguraron “non ter diante” até o 1 de xuño, é precisamente a resposta xurídica ás anteditas denuncias interpostas polos tres traballadores da Capitanía Marítima burelá “frente ás dúbidas sobre a legalidade das mesmas que en todo o momento sementou a administración, incluída a Oficina para as Linguas Oficiais do Ministerio das Administracións Públicas”, indicaron os afectados.

Dereito e deber

O ditame recoñece o dereito dos traballadores a empregaren o galego no exercicio das súas funcións, entanto lingua oficial do territorio onde se ubica a Capitanía Marítima de Burela, sen prexuízo do dereito ao uso do castelán por parte de calquera persoa administrada. Aliás, sinala a obriga da Capitanía Marítima de dispor de todo tipo de documentos ao servizo do público nas dúas linguas oficiais de Galiza e recórdalle ao organismo dependente do Ministerio de Fomento que a única forma oficial dos topónimos de Galiza é a galega, aos efectos do seu uso público e documental.

Os traballadores denunciaran que todas as referencias toponímicas empregadas por escrito desde a Capitanía eran sistematicamente castelanizadas, que os seus superiores inmediatos rexeitaban calquera escrito en galego e que non existía ao dispor do público ningún tipo de documentación ou modelos oficiais que incluísen a lingua propia de Galiza.

“A situación cae no surrealismo, pois a xente que resolve a diario xestións coa Capitanía Marítima de Burela é galegofalante en máis do 90%”, recordou Brais Fernández.