Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 3/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG alerta do incremento do risco de exclusión social de miles de galegas e galegos

Considera os datos do paro de xuño puramente estacionais e advirte do incremento da eventualidade e, en consecuencia, da precariedade laboral
A CIG considera que os datos do paro do mes de xuño en Galiza, con 269.203 desempregados/as, provocan calafríos e que resulta “bochornoso” que se faga unha lectura triunfalista dun descenso puramente estacional de só o 2,68% con respecto a maio, un total de 7.405 persoas. Máis cando esa diminución é inferior á do mesmo mes de 2011 e con diferenza inferior á dos peores anos da crise, 2009 e 2010. Os datos son máis indignantes cando o incremento do paro, respecto do mesmo mes do ano pasado, é do 15,26% e cando a metade dos desempregados/as con dereito a prestación están cobrando xa subsidios, o que incrementa o risco de exclusión social.

Para o secretario confederal de Emprego, Antonio López Rivera, é especialmente grave que o 92,21% dos contratos asinados no mes de xuño sexan de carácter temporal. “Constata un nivel de eventualidade e, polo tanto, de precariedade laboral terríbel, evidencia o carácter estacional da contratación e demostra o absoluto fracaso das sucesivas reformas laborais”.

Sendo isto de especial preocupación para a central sindical, aínda o é máis que de practicamente 270.000 persoas desempregadas, só 159.876 estean percibindo algún tipo de prestación e que destas, a metade estean xa cobrando subsidios.

Ante isto, López Rivera alerta de que coas políticas económicas que se están a adoptar, “abócase a miles de persoas á exclusión social”. Por iso, fronte os recortes, demanda a inmediata adopción de medidas que impidan que se chegue a esa situación, desde o incremento do investimento público, para pór en marcha políticas que favorezan realmente a creación de emprego, até a ampliación do período de cobertura por desemprego.

Xunto a isto, o secretario confederal de Emprego alerta da situación na que se atopa a provincia de Pontevedra, onde o número de desempregadas e desempregados xa está en 106.223 persoas, cifra que vincula á situación do sector do automóbil e ao deterioro do sector naval. Por iso, exixe que a Xunta de Galiza actúe como verdadeiro goberno deste país e impida o desmantelamento destes sectores.

cig.prensa@galizacig.com