A Guía está dirixida especialmente para servir de ferramenta de traballo ás delegadas e delegados sindicais, entre as/os que se repartirán 2.000 exemplares nas sete comarcas da CIG. Porén, o documento está dispoñíbel para o uso de toda a afiliación e pódese consultar e descargar na Sección de Muller da web Confederal ou no arquivo anexo a esta nova.
Desde a Secretaría da Muller da CIG explican que a elaboración da Guía acordouse logo de comprobar no traballo de atención á afiliación, como, “día a día medra a preocupación das traballadoras e traballadores sobre os dereitos relacionados coa súa maternidade e paternidade, e, en xeral, coa conciliación da súa vida familiar e laboral. Son moitas as dúbidas sobre cal é o marco legal que as e os protexe e a que prestacións teñen dereito”.
Ademais, puntualiza a Secretaria Confederal de Muller, Margarida Corral, no lugar de traballo danse situacións relacionadas coa discriminación por razón de sexo, tales como o acoso, ou a violencia de xénero, “que precisan de respostas e orientacións dirixidas a actuar no caso de que se produza unha situación deste tipo”.
Do mesmo xeito, o actual marco legal vén acompañado dunha serie de medidas de obrigado cumprimento en materia de igualdade nos lugares de traballo, que é preciso coñecer.
Por iso, dende a Secretaría subliñase que “esta pequena guía pretende dar resposta as preguntas máis usuais sobre a maternidade, a paternidade, as prestacións e os permisos relacionados coa conciliación, así como o tratamento da problemática da violencia de xénero e o acoso no traballo, xunto coas medidas, plans e protocolos de igualdade a implantar nas empresas e modelos de solicitude para entregar na empresa”.