Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 3/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Tribunal Supremo condena a Correos a cesar na conduta antisindical que mantiña coa CIG

O Contencioso-Administrativo confirma a sanción económica imposta pola Inspección de Traballo á empresa e o TS recoñece o dereito da central a ter Sección Sindical e Delegado
O Xulgado do Contencioso Administrativo da Coruña vén de confirmar a sanción de 6.250 € imposta pola Inspección de Traballo contra Correos por transgredir os dereitos de información, audiencia e consulta da CIG e por persistir na conduta infractora. A sentenza favorábel do Tribunal Supremo, tras recurso da central sindical, bota abaixo outra sentenza contraria do TSXG e recoñécelle á CIG-Correos da provincia da Coruña o dereito a ter Sección Sindical, a ter Delegado Sindical, así como a todos os dereitos de información que levan implícitos estes órganos.

Esta sentenza dálle a razón á CIG, que leva reclamando este dereito en todos os ámbitos sen que fora escoitada a súa demanda. Agora, o Tribunal Supremo, tras presentación de recurso de casación por parte da CIG, fallou a favor e sentencia que aínda que non haxa centros de traballo con máis de 250 traballadores/as (neste caso en Correos na provincia da Coruña), dado que a circunscrición electoral é de ámbito provincial, tiñan que terse en conta o número de traballadores/as da provincia.

Por iso, a resolución do TS acorda que a CIG-Correos nesta provincia ten dereito a constituír Sección Sindical, así como a nomear Delegado Sindical en Correos, xunto con todos os dereitos que levan acompañados estes órganos, recollidos na actual normativa vixente.

O feito de terse ditado sentenza desfavorábel polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, explica o delegado da CIG-Correos, Miguel Ramudo, supuxo para a Sección Sindical e para o Delegado Sindical un grande prexuízo dado que “toda a información que tiñan dereito a recibir (solicitada no seu día á empresa postal e que posteriormente se lle continuou demandando a través da Inspección de Traballo), foi denegada sistematicamente apoiándose en exclusiva nesa sentenza que non era firme”.

Así as cousas, dende os servizos xurídicos da central sindical estase estudando a posibilidade de esixir responsabilidades vía xudicial a aquelas persoas ou organismos que facendo uso dunha sentencia que non era firme, utilizaron a mesma para conculcar e vulnerar dereitos tanto da Sección Sindical como do Delegado Sindical. 

Dende a CIG Correos queren manifestar a satisfacción pola sentenza do Tribunal Supremo, “xa que vén a reparar o dano que nos fixo a sentenza do TSXG”. Porén, sinala Ramudo, “tampouco queremos deixar de denunciar publicamente a cantidade de atropelos que se cometen e a tardanza coa que son reparados debido, sobre todo, a lentitude da propia xustiza”.

Do mesmo xeito, agardan que non se volvan repetir este tipo de condutas antisindicais en Correos e se depuren responsabilidades dentro da empresa postal, xa que amparándose nunha sentenza que non era firme, cargos de Correos aproveitaron para eliminar “dun plumazo varias demandas presentadas polo Delegado Sindical de CIG” e negarlle sistematicamente información á que agora queda demostrado que si tiña dereito.

cig.prensa@galizacig.com