Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 3/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Os carteiros/as de Vigo rexeitan os expedientes disciplinarios abertos por Correos e barallan ampliar a folga a toda a cidade

Dende o comité de empresa denuncian a falta de diálogo da compañía e alertan da existencia de máis dun millón de obxectos sen repartir
Os carteiros/as do centro de Vigo compareceron hoxe para rexeitar publicamente os 14 expedientes disciplinarios abertos pola dirección de Correos a traballadores/as que están a secundar a folga e anunciaron que barallan a posibilidade de estender o paro a toda a cidade. Aproveitaron para denunciar a falta de diálogo da empresa e alertar da acumulación de máis dun millón de obxectos sen repartir tras preto dun mes de conflito laboral.

Os representantes dos empregados/as da unidade de reparto número 1, correspondente ao centro de Vigo, compareceron en rolda de prensa para denunciar a apertura de 14 expedientes disciplinarios ben por suposta “conduta intolerábel” ou ben por “baixo rendemento” durante a folga.

Dende o comité rexeitan as acusacións e sosteñen que se trata dun intento da compañía de amedrentar os traballadores/as. “Xa poden abrir todos os expedientes que queiran ou poñer as sanciones que consideren, porque non imos abandonar as protestas até que dean marcha atrás na decisión de eliminar 14 postos de traballo”, sosteñen.

Neste senso, adiantan a posibilidade de que a folga -que se iniciou de xeito parcial o 4 de xuño é de toda a xornada dende o pasado día 22- se estenda ás outras tres unidades de reparto da cidade, ben de luns a venres a media xornada ou o venres e o luns de xeito total. Ao mesmo tempo, existe a posibilidade de que o persoal de atención ao público se sume ao paro.

Os empregados/as de Correos explican que o conflito laboral está a causar importantes prexuízos á cidadanía de Vigo, en especial ás empresas, xa que nestes momentos a oficina central atópase totalmente saturada con máis dun millón de obxectos sen repartir. “Animamos a todas as persoas afectadas a que presenten reclamacións para esixir un servizo de calidade”.

Esta é precisamente a principal reivindicación dun colectivo que se amosa disposto a negociar e a asumir incluso a perda de catro postos de traballo, “pero non de 13 como quere a dirección, porque isto suporía ter que asumir o dobre de carga de traballo, o que é imposíbel levaría a incumprir a Lei Postal”. Esta actitude choca coa que está a manter a dirección de Correos nas xuntanzas, xa que a única posibilidade que pon enriba da mesa pasa pola eliminación destes 13 postos “cando non existe unha baixada da actividade que xustifique a medida”.

Diante disto, lembran que seguirán coas manifestacións que se celebran cada mediodía para facer visíbel o conflito e non descartan incluso trasladar as súas protestas a Madrid para denunciar que estas decisións agochan os plans para privatizar o servizo.

cig.prensa@galizacig.com