Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 3/8/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG considera "vergoñenta" a escenificación do acordo de diálogo social entre Xunta, empresarios e sindicatos españois

A central nacionalista aposta por un novo modelo económico e social favorábel aos intereses da clase traballadora para superar a actual crise capitalista neoliberal
Aqueles que seguimos a acreditar na loita de clases e que pensamos que esta crise económica, e as súas posíbeis saídas, debe ir acompañada dun fondo debate ideolóxico sobre a necesidade de construción dun novo modelo económico e social, favorábel aos intereses da clase traballadora, sentimos unha fonda indignación cando vimos nos xornais, o pasado sábado, día 31, a foto dos secretarios xerais de CCOO e UGT xuntando as mans, todos sorrintes, co presidente da patronal galega e co máximo representante da dereita en Galiza, o presidente da Xunta, Sr. Feijoo.
Xunta, empresarios e sindicatos, simbolizando o acordo.

Vendo esta foto con personaxes, representantes eles, cando menos aparentemente, de intereses tan distintos, o primeiro que se lle vén a un á cabeza é pensar, a que acordo tan marabilloso deberon de chegar, nunha situación de crise como a que estamos, tan dura para a clase traballadora, para que se presenten diante da cidadanía con esa imaxe de familia unida e feliz. Pois ben, unha vez avaliado o resumo dos acordos que publicitaron, e dicimos resumo porque, curiosamente, o texto íntegro de ditos acordos, ata o de agora, non aperece publicitado por ningures, enténdese perfectamente a cara sorrinte do representante da patronal e do presidente da Xunta, o que é imposíbel de entender e de xustificar é o sorriso e a presenza, nese acordo e nesa foto, dos secretarios xerais das centrais sindicais españolistas.

Asinan unha vez máis o de sempre: a mellora do servizo público de emprego, a tan cacarexada mellora do RISGA, un novo Plan Estratéxico en materia de prevención, novas axudas en I+D, continuidade das subvencións aos empresarios para a contratación, máis recursos para apoiar o tecido produtivo, medidas para facilitar o acceso á vivenda e de reordenación do territorio, a creación de novos organismos institucionais no ámbito dos servizos públicos e pouco máis. Como sempre tamén, unha mera declaración de intencións, con escasa concreción e con nula repercusión na creación de emprego e na mellora da calidade vida dos galegos e galegas, e non digamos xa de medidas de oposición ao modelo neoliberal.

Mentres os secretarios xerais de CCOO e UGT asinan estes acordos, supostamente para combater a crise, crear emprego e mellorar a calidade do mesmo, a realidade de todos os días é que a Xunta de Galiza, o PP, o sr. Feijoo, reduce o gasto público, con perda de emprego e grave deterioración da calidade de servizos públicos básicos como a sanidade, o ensino e a propia Administración; incumpre o Plan Estratéxico actual de prevención de riscos e reduce ao anonimato ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral; infla a Administración de asistencias técnicas e privatiza servizos; facilita os expedientes de extinción de contratos; cárgase unha fonte de creación de emprego ao modificar o decreto que regulaba a asignación dos parques de enerxía eólica; reduce e privatiza a rede de servizos sociais coa conseguinte perda de emprego e deterioración deses servizos; oponse a incrementar o tramo autonómico do IRPF ás rendas máis altas; modifica as normas do litoral para facilitar a especulación urbanística; ataca o noso idioma intentando desterralo do ensino, etc. Todo isto parece que o descoñecen os representantes destas dúas centrais sindicais ou simplesmente non lle conceden importancia. O importante é saír na foto e trasmitirlle á sociedade que o seu modelo de diálogo social non está fracasado, funciona, outra cousa é para quen e ao servizo de que intereses.

Cara a un novo modelo económico e social

Nunha situación económica, social e laboral como a que estamos a vivir, con perda de numerosos postos de traballo, cunha política clara por parte do poder político (PSOE, PP) e económico (capital financeiro, patronal) de recorte de dereitos laborais e sociais á clase traballadora, de intento de debilitamento do movemento obreiro para afondar aínda máis no modelo económico neoliberal, nun momento en que desde as organización sindicais, desde a esquerda en xeral, temos que estar dando o debate ideolóxico no seo da clase obreira, e da sociedade no seu conxunto, por un cambio de políticas e pola conquista dun novo modelo económico e social máis xusto, solidario e democrático, e cunha convocatoria de folga xeral para dentro de dous meses, como é posíbel que estas dúas centrais sindicais, que se din de clase, poden prestarse a esta política da confusión e da colaboración cos sectores máis reaccionarios e antiobreiros da sociedade?

Estas son as consecuencias de anos de políticas de Pacto Social e dunha concepción do diálogo social como un fin en si mesmo, entre interlocutores sociais cos mesmos intereses, nun marco de relación laborais en que a loita de clases ten desaparecido, e no que o que conta é a colaboración, a lealdade, o bon rolliño e a salvagarda do interese común das organizacións que participan dese escenario, que non é outro que perpetuar o seu poder e status institucional e/ou económico.

Non é pois casual que as posibilidades dunha acción sindical unitaria entre a CIG e estas dúas centrais sindicais cada vez sexan máis remotas. Dende a CIG levamos anos denunciando as graves consecuencias que para os intereses da clase traballadora galega ten este modelo de sindicalismo entreguista, burocratizado e desmobilizador. Un modelo de sindicalismo integrado no sistema, que ten abandonado na práctica os principios éticos, morais, transformadores,  progresistas e combativos que caracterizaron as organizacións sindicais de clase ao longo da historia e que permitiron conquistar dereitos e acadar importantes melloras nas condicións laborais, sociais e de calidade de vida a sectores amplos da clase traballadora. Un sindicalismo que nunhas condicións tan duras para a clase obreira, renuncia ao debate ideolóxico dende unha perspectiva da esquerda, abandona a loita por unha transformación real da sociedade cara a un novo modelo de organización social e económico e colabora no confusionismo ideolóxico, facéndolle un claro favor á patronal e á dereita.

Hai máis que sobradas razóns para ir a unha folga xeral o próximo día 29 de setembro, aínda que estes señores se empeñen en presentarnos, a través deste tipo de acordos e imaxes, unha realidade social, económica e laboral galega cargada de boas expectativas. E hai tamén máis razóns que nunca, para reafirmarnos na decisión que tomamos na CIG de celebrar as manifestacións por separado o día da folga xeral. Concesións ao esperpento, á confusión, á desideoloxización e ao entreguismo, ningunha.

cig.prensa@galizacig.com