Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 3/8/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Concentracións contra o saqueo que sofre o pobo por mor da aplicación das receitas dos mercados

As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT acordaron mobilizarse coincidindo cos Consellos de Ministros
Centos de persoas convocadas polas centrais sindicais CIG, CCOO e UGT concentráronse nas cidades galegas, coincidindo coa celebración do Consello de Ministros, para denunciar o “saqueo” que está a padecer a clase traballadora por mor da aplicación das receitas impostas polo neoliberalismo, a cambio do rescate á banca. Catro anos consecutivos de recortes, desde que comezou a crise, que teñen provocado un empeoramento da situación económica, a destrución masiva de emprego, o empobrecemento da maioría social e a perda de dereitos laborais e democráticos.

As centrais sindicais denunciaron, nas diferentes concentracións, as reformas laborais; a diminución das pensións; a práctica desaparición da negociación colectiva; as conxelacións salariais; a entrega de miles de millóns de euros aos bancos; os incrementos de taxas nos servizos públicos (como no ensino e universidade); o incremento da contribución no abono sanitario, para toda a cidadanía e para os pensionistas; a desaparición do aseguramento universal no noso sistema estatal de saúde e a retirada da cobertura de centos de medicamentos, obrigando as cidadáns a súa compra.

Medidas que se teñen completado nestas últimas semanas coa diminución aínda maior dos dereitos das persoas traballadoras. Recortes que se producen e xustifican criminalizando unha vez máis aos empregados públicos, aos que ademais se lles rebaixa o salario, e que se acompañan con medidas como o incremento do IVE, un novo recortazo ao FOGASA e os dereitos de quen percibe o desemprego.

As centrais sindicais denuncian que todas estas medidas teñen como obxectivo incrementar os beneficios dos chamados “mercados” e as súas arcas, a custo dos e das de sempre: o pobo traballador e as persoas con máis necesidades sociais, nomeadamente desempregados/as, pensionistas e dependentes.

Consideran que é una loita na que o capital financeiro e o grande poder económico, nin dubidan, nin van dubidar, en empregar todos os medios ao seu alcance para seguir a enriquecerse, aínda que isto supoña, que a clase traballadora quede condenada á pobreza, á fame, á desprotección diante da enfermidade e á miseria.

Por iso, fan unha chamada á mobilización social como única forma de reverter esta situación, para camiñar cara un novo modelo económico e social máis xusto, máis equitativo e máis solidario.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com