Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 3/8/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O concello de Santiago terá que devolver a multa que cobrou por colar cartaces na vía pública

A CIG denuncia o malgasto de cartos públicos municipais, en procurador e avogado, sabendo que non se incumpría a ordenanza municipal de publicidade estática
A CIG vén de recibir a resolución xudicial pola que se sentenza ao concello de Santiago a devolver a multa coa que sancionou a dous compañeiros durante unha pegada de carteis convocando a folga xeral do 27 de febreiro de 2011. O concello de Santiago cobrou a multa malia saber que o lugar onde se estaba facendo a pegada non incumpría a ordenanza municipal de publicidade estática.

Dous compañeiros da CIG estaban pegando carteis para anunciar a convocatoria de folga xeral no polígono industrial compostelá de Costa Vella. Cando se dispoñían a colocar uns novos na zona do Decathlon chegaron dous coches de seguridade privada e os axentes dixéronlles que tiñan que deixar de colar.

Ante esta prohibición, os compañeiros puxéronse en contacto co secretario de Organización da CIG de Compostela, Renato Núñez, para confirmar se podían pegar no lugar elixido ou non. Vía telefónica, Núñez explicou que non se incumpría nesa zona a ordenanza de publicidade estática, explicación que non serviu aos da seguridade privada.

Os compañeiros defenderon o seu dereito a continuar colando nesa zona e ante a súa insistencia, os axentes de seguridade privada reclamaron a presenza da policía nacional, que se presentou de contado,  para identificalos.

Ao tempo chegou Núñez quen reiterou que segundo a  ordenanza, non se estaba incorrendo en ilegalidade ningunha. Malia iso a policía insistiu en levantar acta de infracción, identificou aos compañeiros e prohibiu que seguiran colando os carteis.

Ante isto, Núñez solicitou que se recollera na acta que o lugar elixido para a colada non estaba prohibido e que reclamara que non impediran aos compañeiros continuar publicitar a folga xeral.

Os axentes da policía nacional non só solicitaron a identificación de Núlñez e impediron que se seguira colando, senón que tamén lle exixiron que se dirixira a eles en castelán, malia, cando menos un deles, falar en galego.

Ano e medio despois, sae a sentenza da sanción imposta pola colada de cartaces dando a razón ao secretario de organización da CIG de que non se estaba cometendo ningunha ilegalidade.

A CIG de Compostela denuncia que o concello de Santiago tivo que pagar un avogado e un procurador malgastando os cartos dos composteláns, para defender unha decisión policial, sendo sabedores de que non se estaba a incumprir unha ordenanza emitida polo propio concello.

cig.prensa@galizacig.com