Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 3/9/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Mesa acusa ao Club Financiero Vigo de seguir o “catecismo lingüístico do PP”

Fomentar a lingua propia no ensino non é prexudicial para a economía
A Mesa pola Normalización Lingüística lamenta as declaracións feitas onte polos directivos do Club Financiero Vigo (CFV) en contra do uso normal da lingua galega. Segundo a asociación en defensa do idioma propio de Galiza, o documento presentado o 2 de setembro polo CFV baixo o título “Política Lingüística. Una visión empresarial” e aprobado pola súa xunta directiva “cáese das mans pola súa acumulación de prexuízos carpetovetónicos”.

A Mesa informou de que se vai dirixir a todos os accionistas do CFV, entre os que se atopan administracións e empresas con capital público, para lle manifestar o seu malestar e para que lle exixan unha rectificación ao equipo directivo.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, recorda "que fomentar as linguas propias no ensino non é prexudicial para a economía, como claramente nolo demostran os exemplos de Euskadi e Cataluña". Así, asegura, "nos últimos vinte anos melloraron o seu nivel de desenvolvemento ao mesmo tempo que afortalaron os seus idiomas propios".

"Atacan á cultura propia"

"Alguén pode afirmar, sen caer no ridículo máis absoluto, que Cataluña ten máis dificultades económicas que outras comunidades do Estado porque alí o catalán é lingua vehicular no ensino?", engade o presidente da Mesa, quen asegura que "o desenvolvemento económico si está pexado, obstaculizado, por aqueles sectores que non cren nas capacidades do país e que gastan os seus esforzos en atacar a cultura propia".

"Manipulan a realidade sociolingüística do país"

Segundo A Mesa pola Normalización, "a dirección do CFV segue ao pé da letra o catecismo do PP en materia lingüística: camuflan de ‘bilingüismo harmónico' a súa descarnada proposta de que o galego careza de protección oficial, menten e manipulan sobre a realidade sociolingüística do país, obvian o recoñecemento constitucional e estatutario do galego e pasan por alto a existencia de tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos que están sendo vulnerados co galego".

cig.prensa@galizacig.com