Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 3/9/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG comeza accións xudiciais contra Serviasistencia e o Concello de Ferrol en demanda dos atrasos salariais

A empresa, dedicada á atención a domicilio, acumula tres nóminas sen pagar e hai traballadoras que levan nove meses sen librar
A CIG-Sevizos de Ferrol vén de iniciar accións xudiciais contra Serviasistencia, e contra o Concello de Ferrol como responsábel solidario, por mor das cantidades adebedadas ás traballadoras/es, que levan tres meses sen cobrar os seus salarios. Dende a Federación subliñan que a empresa, dedicada á axuda a domicilio, está a incumprir sistematicamente o convenio colectivo e parte do persoal leva nove meses sen gozar das libranzas legalmente estabelecidas.

Servasistencia, denuncian dende a CIG-Servizos de Ferrol, incumpre sistematicamente o Convenio Colectivo do sector, “pero o máis grave é que neste momento ten a traballadoras que levan nove meses sen librar, tres meses sen cobrar, non paga a nocturnidade, non se lles conta o tempo de desprazamento entre domicilios como tempo efectivo de traballo, etc. É dicir, a empresa estalles a impoñer condicións de traballo ilegais e leoninas”. Ademais, a empresa ignora os requirimentos da representación do persoal a respecto das datas de cobro. 

Dende a CIG-Servizos de Ferrol tamén denuncian que Serviasistencia pretende cobrar “dúas veces do Concello, é dicir de todos/as os/as cidadáns/ás”. A saber, a empresa cobra as facturas do Concello, mais non lles paga os salarios ás traballadoras, polo que estas se ven obrigadas a denunciar á institución local como responsábel solidario para poder percibir as nóminas. Rocío Doce, da CIG-Servizos, cualificou esta situación como “o colmo da fraude e do negocio redondo”.

Represalias ás traballadoras

A empresa, explica Doce,  como represalia ás traballadoras que reclaman os seus dereitos, decidiu rebaixarlles horas do seu contrato, e por conseguinte reducir o seu salario, que descoñecen cando cobrarán.

“O comportamento de Serviasistencia parécenos temerario, caciquil, chulesco e un abuso cara unhas traballadoras que fixeron tanto por esta empresa e polos usuarios e usuarias. Queremos recordarlle a Serviasistencia que de non ser polas súas traballadoras estaría fóra do Concello, as súas empregadas estarían traballando noutra empresa (polo seu dereito á subrogación) e librando e cobrando” asevera Rocío Doce.

Dende a Federación de Servizos da CIG advertiron que non se vai consentir este tipo de comportamento cara os traballadores e traballadoras e que se desenvolverán as medidas oportunas en cada momento para evitar que este tipo de situación se volva repetir. Así mesmo, adiantan que “realizaremos as accións necesarias para sacar as traballadoras desta situación de indefensión que están a vivir”.

cig.prensa@galizacig.com