Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 3/9/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A sección sindical da CIG en Pull&Bear reclama un convenio acorde cos substanciosos beneficios do grupo Inditex

Lembran que a compañía está a investir importantes sumas na súa expansión mundial mentres oferta ao persoal subas salariais ridículas
A sección sindical de Pull&Bear quere evidenciar diante da opinión pública a enorme contradición entre o “esforzo” expansivo e os inxentes beneficios acadados polo grupo Inditex e a “actitude hipócrita” mantida polo xigante do téxtil nas mesas de negociación coa representación dos traballadores/as. Negociacións nas que a empresa se escuda no argumento da crise económica para achegar incrementos salariais cativos e “mesmo irrisorios”.

Coa súa denuncia, a sección sindical da CIG en Pull&Bear refírese ás noticias continuadas da expansión mundial da empresa e á forte aposta da dirección pola entrada no comercio na rede, co anuncio estes días da apertura da tenda virtual de Zara e nun futuro próximo de Pull&Bear.

Dende a sección sindical subliñan que o grupo Inditex obtivo, a pesar da crise, unhas ganancias o pasado exercicio de máis de 1.300 millóns de euros, aprobando unha suba dos salarios dos directivos do 14%. No outro lado da balanza, a empresa escúsase na recesión económica actual para impor a contención salarial aos seus traballadores/as e “por pór un exemplo, na negociación do acordo de empresa do centro de traballo que Pull&Bear ten situado en Narón a suba salarial non chega a un 4%”, denuncian.

“Esiximos unha oferta patronal real, proporcional aos beneficios e que comece por equipar salarialmente ao persoal que desenvolve o seu traballo en centros do grupo similares, dentro incluso da mesma provincia”, demandan.

Maior carga de traballo

A apertura das tendas virtuais, apuntan dende a sección sindical, suporá un incremento na carga de traballo nos almacéns, sen que a empresa amosase ningunha intención de compensar este sobre-esforzo, “seguindo así a dobre moral de aumentar os beneficios para os accionistas, pero non mellorar as condicións do persoal”.

Dende a CIG reclámase aos responsábeis da empresa que acheguen unha proposta de negociación real, que permita acadar un convenio digno en consonancia cunha empresa “que gasta fortunas en publicitar a súa suposta dignidade, aínda que sexa esta, polo menos de momento, unha dignidade tamén virtual”. 

cig.prensa@galizacig.com