A continuación, reproducimos á íntegra o comunicado que resume as demandas dos traballadores e traballadoras desta fábrica de ceramica, e que se enunciou ao remate da manifestación.
Manifesto lido polo presidente do Comité de Empresa de Cedonosa, da CIG, Ramón Conde, ao final da mobilización:
Compañeiros e compañeiras, amigos e amigas, dende o Comité de empresa e das centrais sindicais CIG, CCOO e UGT grazas unha vez mais por acompañarnos nesta manifestación a favor do mantemento dos postos de traballo e da continuidade de Cedonosa en Catoira.
O pasado mes de maio, por parte da Dirección anunciábasenos, que a situación pola que atravesaba Cedonosa era moi delicada, pola falla de liquidez e polas perdas acumuladas dos últimos anos, que había que facer varios axustes e que os accionistas non estaban por aportar mais capital ou mellor dito investir en Catoira, a solución pasaba por trasladar parte da produción a Teruel e reducir drasticamente a plantilla en Catoira.
Unha plantilla que coas instalacións actuais, coas deficiencias e falla de planificación da produción, con unha política de ventas errada e cunha xestión durante estes meses nefasta, soportou e foi capaz de demostrar que a viabilidade de Cedonosa, pasaba por facer inversións en Catoira, modernizando a planta, xa que a man de obra cualificada e que sabe facer FERROGRES, o capital humano, tíñano a súa disposición e así llo demostramos.
Dende o pasado verán, os actuais propietarios de CEDONOSA estiveron mentíndonos, os traballadores e as traballadoras, a opinión pública e os cidadáns en xeral, de cales eran en realidade dos seus verdadeiros plans para a empresa. Unha vez mais a marca FERROGRES, estivo a sufrir un deterioro no mercado a causa das actuacións levadas a cabo por estes señores, un concurso de acredores (suspensión de pagos) por non tomar medidas a tempo e un expediente de regulación de emprego que trataba de librarse da metade da plantilla.
Dende o 1º de maio, así como no pasado mes de outubro, celebráronse en Catoira como non se dera nunca antes, unhas grandes manifestacións como a de hoxe, mantivemos concentracións diante da factoría, recorremos varias veces as rúas do concello, en contra das medidas que estaba a adoptar a Dirección de Cedonosa, da súa política produtiva e dos seus plans de futuro, e dicíndolle que a solución non era a regulación de emprego, os problemas estaban na produción e nas ventas e en facer efectiva a liña de liquidez aberta polo IGAPE.
Todas estas medidas de presión, e os informes aportados por este Comité, déronnos a razón, e dende a Consellería de Traballo en primeira instancia e despois o do propio Xulgado do Mercantil non se lle aprobou o expediente de regulación de emprego.
Os traballadores e traballadoras de CEDONOSA levamos durante todo este tempo aportando solucións, mantendo interlocucións coas Consellerías de Industria e Traballo, co IGAPE e co Concello, loitando e defendendo que a empresa e viable e que a súa continuidade e posible.
Témoslle manifestado a Dirección en reiteradas ocasións, a posibilidade de entrada de novos socios con mais capital ou incluso a venda, todos eran problemas e inconvintes, e a resposta era que iso non entraba nos seus plans, e eles non ían deixar a hexemonía que tiñan en Cedonosa.
A decisión da actual dirección foi solicitar do Xulgado do Mercantil de Pontevedra, a LIQUIDACIÓN da empresa, polo tanto CEDONOSA cesaría a súa actividade quedando rescindidos os contratos da totalidade da plantilla, nun plazo de menos de 1 mes, finalizando así unha traxectoria de varias décadas.
Pero os traballadores e traballadoras de Cedonosa non nos damos por vencidos, por iso vamos a seguir loitando e explorando todas as posibilidades ao noso alcance para que non se dea o peche definitivo de Cedonosa.
O Comité de Empresa, xunto coas centrais sindicais, estamos a levar adiante xestións nas diferentes Consellerías da Xunta de Galicia con competencias nestes temas, e co Concello de Catoira, co obxectivo claro de que CEDONOSA ten futuro, que hai que apostar por que empresarios do sector, coas axudas que se necesiten, manteñan a actividade desta empresa emblemática para Catoira, cunha calidade e un prestixio no mercado tanto nacional como estranxeiro e cunha marca FERROGRES que e sinónimo de seriedade e bon facer.
Non podemos permitir que PECHE CEDONOSA, nin que se perdan mais empregos en Catoira, xa que necesitamos desta actividade industrial que foi e ten que seguir sendo sustento de moitas familias do noso concello.
O colectivo de traballadores e traballadoras, o Comité de Empresa e as centrais sindicais CIG, UGT e CCOO, agradecemos o voso apoio por acompañarnos nesta loita que continua, e pedímosvos que nestes tempos difíciles polo que estamos a pasar a vosa comprensión e axuda, e facemos un chamamento as administracións tanto municipal como autonómica para que dobren, tripliquen ou o que sexa necesario, os esforzos para conseguir que CEDONOSA continúe coa actividade en Catoira, o cal será unha recompensa para todos.