Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 30/1/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Grupo Finsa subiu as retribucións dos seus conselleiros un 81% antes de presentar o ERE que suporá o peche de Ecar

A CIG valora como “escandalosa” a posíbel aprobación do expediente de Ecar, logo de que a empresa recibise 35 millóns de euros entre 2009 e 2010
A CIG da Mariña vén de remitir unha valoración dos datos económicos achegados na documentación que acompaña ao ERE de Finsa, dos que se desprende que o Grupo subiu as retribucións do seu Consello de Administración un 81% antes de presentar o expediente de regulación. Así mesmo, a central culpa directamente dos resultados negativos á mala xestión e á “pésima inversión” que a dirección fixo ao adquirir Tableros Faus, no ano 2006, por 195 millóns de euros (e que en 2010 tivo que ser provisionada por un importe de 36,9 millóns de euros), xa que, pola contra, a actividade ordinaria do Grupo experimentou unha mellora considerábel neste tempo.

A continuación reproducimos á integra a valoración da Federación de Construción e Madeira da CIG de Lugo-A Mariña:

A CIG, diante do peche da factoría de ECAR en Mondoñedo, e ante as negociacións para a extinción laboral dos traballadores e traballadoras da mesma, quere achegar unha serie de reflexións ao respecto.

O peche da factoría de ECAR ao que estamos abocados obedece, ao noso xuízo, a unha mera reorganización e centralización da produción da liña de Mobles e Compoñentes.

A xustificación económica, despois de analizar polo miúdo a documentación que acompaña o ERE, carece de sustento.

Pouca fiabilidade dos datos económicos de Ecar

A inviabilidade económica da factoría de Mondoñedo está apoiada por uns datos que non podemos cualificar coma fiábeis ou fiel reflexo da realidade, en tanto ECAR ten unha dependencia absoluta do entramado Finsa: Finsa vende a materia prima e Finsa merca o produto final, controlando polo tanto os prezos de entrada e saída do produto, e polo tanto, o beneficio de ECAR.

As escandalosas retribucións dos membros do Consello de Ecar e Grupo Finsa

Así mesmo, da documentación achegada, despréndense datos que non podemos cualificar por menos que escandalosos.Mentres os gastos de persoal de ECAR, se restamos as remuneracións de alta dirección e administración, medraron entre o 2009 e o 2010 nun 3,64%, a retribución do Consello e o persoal de alta dirección incrementouse nun 20,11%, chegando a supor un 10,84% dos gastos totais en retribucións da empresa.

Se imos ao Grupo Finsa, non resultan menos escandalosos os datos, xa que mentres os gastos de persoal se reduciron preto do 2%, as retribucións destinados ao Consello medraron nada máis e nada menos que un obsceno 81,24% entre 2009 e 2010.

Estes datos poñen ás claras a perversidade dun sistema que permite, coa complicidade das administracións (a Xunta de Galiza ten aceso ás contas do Grupo que acompañan este ERE), que mentres 62 familias perden o seu sustento e centos de traballadores do Grupo  en toda Galiza se ven abocados a un ERE de suspensión durante 125 días neste ano, uns poucos “elixidos” acumulan capital e se aproveitan das plusvalías xeradas polos mesmos traballadores que deixan na rúa.

A mala xestión na compra de Faus como causa real da situación da empresa

Así mesmo, das contas do Grupo, podemos desprender que os resultados do exercicio 2010 que amosa unhas perdas de 23 millóns de euros, son imputábeis na súa inmensa maioría a unha mala xestión na adquisición, xunto con Caixa Galicia, no ano 2006 da empresa Tableros Faus en Gandía por 195 millóns de euros e que en 2010 tivo que ser provisionada por un importe de 36,9 millóns de euros. Porén, a actividade ordinaria do Grupo Finsa experimentou unha mellora considerábel: a cifra de negocios medrou un 5,3% e os beneficios de explotación un impresionante 202,3% (acadando os 20 millóns de euros, fronte os 6,6 do exercicio precedente)

Entendemos, ademais, que esta situación foi excepcional, derivada exclusivamente desta adquisición e polo tanto non é estrutural. Queren polo tanto, compensar un erro de xestión e unha pésima inversión, cun axuste brutal que afecta os preto de 1.350 empregados do Grupo, e en especial aos traballadores e traballadoras das factorías de ECAR en Mondoñedo e INAMA en Guernika, que quedaran na rúa tras os respectivos peches.

Abandono das Administracións e a actitude pro-empresa do conselleiro

Dende a CIG queremos denunciar publicamente o inmobilismo da Xunta de Galiza neste asunto, traducido nas declaracións do Conselleiro de Industria na recente visita a Mondoñedo e a entrevista co Comité de empresa e a corporación municipal, na que expresou a súa falta de capacidade para intervir nunha “decisión empresarial motivada pola mala situación económica do Grupo e pola falta de viabilidade de ECAR”. Estas declaracións, poden denotar dúas cousas: ou ben a Xunta de Galiza non examinou cun mínimo rigor as contas do Grupo que sustentan os EREs presentados, ou ben hai unha complicidade absoluta con estes feitos, en calquera dos casos resulta francamente escandaloso.

Subvencións por importe de 35 millóns de euros en 2009 e 2010

Neste senso, e tamén segundo se desprende dos datos da documentación económica, temos que chamar a atención sobre o feito de que Finsa ingresou por subvencións durante o ano 2009 a cifra de 20 millóns de euros e no 2010 a cantidade de 15 millóns.35 millóns de euros públicos non son capaces de asegurar o mantemento dos postos de traballo nun Grupo que facturou preto de 770 millóns de euros no ano 2010, un 5,15% máis que no 2009.

Valoración da situación actual

Ante a meridiana  claridade destes dados resúltanos cando menos sorprendente que non se contemple dende a empresa outra solución que non sexa o peche da fábrica e que dende a Xunta de Galiza se xustifique o mesmo. Agardamos que a saída á luz pública desta información  remova algunha conciencia e que, se ben o peche parece xa inevitable, cando menos este se faga nas mellores condicións económicas e sociais para as traballadoras e traballadores da fábrica mindoniense.

Afonso Losada Rodríguez

Sec. Com. FCM CIG LUGO- A MARIÑA

cig.prensa@galizacig.com