A Central de chamadas
María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde explica que cando apoiaron o Plan de Mellora da Atención Primaria, este non prevía a privatización dun servizo como o de cita previa, que efectivamente precisaba de ser mellorado para garantir a accesibilidade dos doentes.
Abuín denuncia que a consellaría de Sanidade se aproveitou da iniciativa sindical para introducir unha nova privatización e alerta de que deste xeito se precarizan as condicións de traballo dos traballadores/as. “As traballadoras e traballadores desta empresa non foron seleccionados a través das listas de contratación do SERGAS. Os demandantes de emprego abonan as taxas correspondentes para inscribirse nas listaxes e despois a consellaría contrata o servizo cunha empresa privada co que os demandantes seguen sen poder acceder ao emprego temporal”.
A secretaria nacional de CIG-Saúde pregúntase ademais polo destino dos cartos orzamentados –máis dun millón de euros- para pilotar un modelo centrais que sería, inicialmente xestionado polo SERGAS e polos resultados dese programa piloto, se é que en algún momento chegou a pórse en funcionamento.
GALARIA: capital e xestión privada na Sanidade Pública
Galaria é unha sociedade mercantil anónima dependente da Xunta de Galiza que foi creada o 28 de agosto deste ano. Segundo explica CIG-Saúde, sería a parte non asistencial do antigo MEDTEC, transformada agora nunha nova empresa.
Con esta sociedade, no canto de facer desaparecer todas as fundacións , como se comprometera, a Consellaría de Sanidade crea esta entidade para encargarse de xestionar o plano de infraestruturas sanitarias.
CIG-Saúde denuncia que a consellaría está planificando utilizar Galaria para compartir con empresas privadas o financiamento do plano de infraestruturas sanitarias (Hospitais de Vigo, Pontevedra...) a cambio de contratarlles durante moitos anos moitos dos servizos non asistenciais dos novos hospitais, comprometendo así os orzamentos da consellaría durante anos.
“Son as mesmas políticas aplicadas por Tatcher en gran Bretaña ou Esperanza Aguirre na comunidade de Madrid”, lembra a secretaria nacional de CIG-Saúde. Unhas políticas que se coñecen como PFI (Iniciativa de Financiamento Privado) que supoñen, de facto, unha descarada privatización da Sanidade Pública. “É o mesmo que tanto critica a oposición madrileña e que tiveron que paralizar en Inglaterra logo de comprobar o grave empeoramento da calidade da sanidade pública inglesa”.
Colexiación Obrigatoria
Para a CIG-Saúde resulta inadmisíbel que se aprobara a obriga a colexiarse dos Hixienistas Dentais. “Que interese hai en seguir fomentando a proliferación dos colexios profesionais obrigando a todos/as os/as traballadores/as do sistema sanitario público, con independencia do grupo profesional ao que pertenzan, a estar colexiadas/os?
CIG-Saúde lembra que nin a Constitución española nin a Lei Xeral de Sanidade 16/1986, lle outorgan no entramado do Sistema Nacional de Saúde ningún papel aos colexios profesionais, nin vincula a asistencia sanitaria pública á obrigatoria integración dos profesionais nos respectivos colexios. Por iso pregñuntase “por que o fai a consellaría de Sanidade” e “a quen lle reporta beneficios a colexiación obrigatoria?”
A secretaria nacional de CIG Saúde vai máis alá e sinala que cos 150 euros de cota que teñen que pagar por pertencer a esta entidade corporativa “parece que se lles cobra un canon para poder traballar na Sanidade Pública”.
Diante desta situación, CIG-Saúde exixe un xiro completo na política sanitaria e aposta por unha sanidade pública de calidade, financiada a través dos orzamentos anuais da Xunta de Galiza, tal e como comprometeu este goberno.