Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 30/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Na Coruña, o piquete comezou a súa actividade ás 9:00 horas no centro comercial Catro Camiños.
Agresión dun axente de Prosegur a un sindicalista nun acceso ao centro comercial Catro Camiños.
Imaxe do piquete en Ferrol.

Éxito rotundo da segunda xornada de folga no Comercio vario

Novo toque de atención á patronal

O persoal do Comercio vario da provincia da Coruña deu unha nova lección de mobilización obreira na segunda xornada de folga no sector, desenvolvida exitosamente o 28 de novembro. O paro foi secundado por case o 90% dos traballadores, que novamente saíron en masa ás rúas para unírense aos piquetes que durante todo o día percorreron A Coruña, Compostela e Ferrol.
Vista xeral do piquete coruñés.

A folga foi secundada polo 95% dos empregados na Coruña e polo 80% en Ferrol e Compostela. Aproximadamente 500 traballadores participaron no piquete na cidade herculina, 300 en Ferrol e 200 na capital de Galiza. Grazas a esta demostración de forza do persoal, o paro do 28 de novembro pode cualificarse de éxito rotundo. Non surtiron efecto nin as coaccións da patronal nin os chamamentos desta á Delegación do Goberno español para que reprimise a acción dos piquetes. Só un reducido número de esquirois acudiu a traballar, fundamentalmente empregados eventuais.

En Compostela, o piquete desenvolveu a súa acción informativa polo centro comercial Área Central, polo casco histórico e pola zona nova. A primeira hora da mañá contabilizáronse até nove furgóns policiais. En Ferrol, os traballadores percorreron o centro da cidade e as zonas comerciais da Gándara e Odeón (Narón). Un sindicalista foi trasladado a comisaría para ser identificado mais á media hora xa puido reincorporarse ao piquete.

Agresións a traballadores na Coruña

O punto de partida do piquete foi de novo o centro comercial Catro Camiños. Cando traballadores e sindicalistas chegaron ao lugar, ás 9:00 horas, estaban pechadas as portas das rúas Ramón y Cajal e Alcalde Marchesi. Mais co paso dos minutos fóronse introducindo na grande superficie a través das portas laterais do pasadizo que comunica con El Corte Inglés.

No interior de Catro Camiños volvéronse a repetir as provocacións de responsábeis e esquirois da tenda Manny of London, tal como acontecera na folga anterior. Un destes individuos empurrou unha manifestante, o que orixinou un forcexo entre membros de Prosegur e un integrante do piquete.

Posteriormente, os traballadores en folga percorreron en manifestación as rúas principais do centro da Coruña. A policía española identificou e ameazou con “propor unha sanción” ao comité de folga polo “corte de tránsito”. Mais os representantes dos traballadores recordáronlles aos axentes que tanto a folga como o itinerario do piquete foran comunicados, en tempo e forma, ás autoridades competentes. A policía española tamén identificou un membro de CIG-Comunicación. De nada valeu que este amosase o seu carné de prensa.

A tensión reproduciuse á chegada do piquete á rúa Barcelona e, novamente, diante doutro estabelecemento de Manny of London. Insultos e provocacións tiveron que aturar os manifestantes por parte dunha encargada desta tenda. A policía comezou entón a empurrar os membros do piquete e mesmo desenfundou as porras, aínda que non chegou a golpear a xente. Os axentes retiveron nun escaparate durante dez minutos unha traballadora.

O piquete seguiu co seu percorrido durante a tarde polo Obelisco, rúa Real, Juán Flórez e regresou ao centro comercial Catro Camiños. No momento de entrar nesta superficie a través do pasadizo que a comunica co Corte Inglés, un membro de Prosegur agrediu coa súa porra varios sindicalistas. Dous deles sufriron contusións importantes nun antebrazo e nun xeonllo. O caso xa foi denunciado.

Preme aquí para ver a galería fotográfica

Olla aquí o vídeo da folga en Ferrol

Novas relacionadas

cig.prensa@galizacig.com