A continuación reproducimos o comunicado emitido pola Xunta de Persoal e o Comité de Empresa de correos en A Coruña:
No día de onte certificouse o que a Xunta de Persoal e o Comité de Empresa, ademais dalgún dos sindicatos con representación en Correos de A Coruña a nivel individual, viñan denunciando diante da empresa, dos organismos oficiais e dos medios de comunicación:
Que Correos está incumprindo toda norma en materia de prevención de riscos e saúde laboral ao denegarlle a licencia por incapacidade temporal a traballadores/as que contan cos informes desfavorábeis dos especialistas e coa baixa do seu médico/a de cabeceira, mirando exclusivamente polos intereses económicos e pola redución de absentismo.
Secuencia dos feitos
A un traballador que se atopaba de baixa denegóuselle por parte de Correos a licencia por incapacidade temporal, o que leva implícito a obriga de acudir ao traballo para realizar as funcións do seu posto. Este feito non tería por que ser irregular nin traumático de por si, pero nesta ocasión ao igual que se fixo noutras xa denunciadas, por parte de Correos denegan a licencia, a pesar dos informes en sentido contrario dos especialistas e en contra dos partes de baixa emitidos polo médico de cabeceira do traballador, que facían mención a que esta persoa non estaba en condicións de afrontar as funcións do seu posto de traballo porque isto ía supoñer un grave risco para a súa saúde.
O prognosticado polos especialistas non se fixo agardar, porque no primeiro día logo de denegada a licencia, é dicir onte, non conseguiu rematar a xornada laboral, tendo que acudir a Correos unha ambulancia para trasladalo a un centro hospitalario da cidade onde quedou en observación por mor dun agravamento da súa patoloxía, produto da actividade propia do posto de traballo que ocupa.
Polas noticias chegadas do entorno do traballador afectado, sabemos que está disposto a esgotar todos os medios legais ao seu alcance para preservar a súa saúde e chegar incluso á vía penal para ir contra Correos e contra todos aqueles que coas súas decisións influíron para que a súa saúde se vise prexudicada.
Estas situacións xa están sendo habituais en Correos, a pesar da postura en contra tanto da Xunta de Persoal como do Comité de Empresa, que están levando os casos a todos os foros internos até onde lles permite a lei e facendo mobilizacións para rematar con esta situación de indefensión e inxustiza para cos/as afectados/as.
Convocatoria de concentración
Neste caso tanto a Xunta de Persoal como o Comité de Empresa teñen convocada unha concentración diante do Edificio de Correos da rúa M. Casas de A Coruña para denunciar estes feitos e loitar pola dignidade dos empregados desta empresa, que se celebrará o vindeiro venres, día 10 de decembro, ás 9:30 horas.