O comité de empresa de Povisa critcou hoxe a actitude dos responsábeis do Sergas despois de que se negaran a recibir á repesentación dos traballadores/as que se desprazou esta mañá a Santiago de Compostela. Denuncian que os fixeron agardar máis de dúas horas para despois dicirlles que non os ían recibir porque "non é cousa deles xa que entenden que se trata de problemas internos do centro médico".
Dende a sección sindical da CIG lembráronlles que existe un acordo do 2006 polo que o Sergas se compromete a garantir mantemento de todo o cadro de persoal de Povisa. "Contestáronnos que eles pagan o concerto rigurosamente e que o que faga o hospital cos cartos non é cousa deles".
Dende o comité de empresa consideran unha falta de respecto a negativa a recibilos e anuncian que incluirán ao Sergas nas vindeiras mobilizacións que se convoquen contra a decisión da dirección de Povisa de despedir a 27 traballadoras/es do servizo de limpeza do centro. Esta mesma tarde celebrarán unha nova asemblea e para este xoves día 1 de decembro está prevista unha manifestación en Vigo que sairá de Vía Norte ás 20.00 horas e rematará no edificio da Xunta. Finalmente, lembraron que tamén hai convocada unha folga indefinida a partir do 9 de decembro.