Ademais, a contratación de Gloria Ferreiro celebrouse á marxe do procedemento de contratación temporal estabelecido no convenio colectivo da CRTVG e as súas sociedades, que ten por finalidade cumprir cos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade. É dicir, Gloria Ferreiro foi contratada lesionando o dereito preferente doutros aspirantes pola súa puntuación acreditada nas listaxes de contratación temporal.
Por todo isto, a inspectora considera que a xefa de Programas da Radio Galega foi contratada en fraude de lei, infracción tipificada como grave na Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social.
Esta nova infracción vense sumar á sanción imposta pola Inspección de Traballo hai unhas semanas á radio pública pola cesión ilegal do traballador da USC, Miguel Túñez, que actualmente dirixe e presenta o programa "A Tarde".