O Secretario Nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, aseverou que a precampaña de lumes debería ter comezado o primeiro de marzo, mais a día de hoxe aínda “non hai ninguén traballando no monte”. Rubido explicou que dende o pasado mes de febreiro os 128 traballadores/as que integran as bases de helitransportadas (o único servizo que agora realiza a precampaña) agardan a chamada de Seaga para incorporarse aos seus postos. De feito, matizou, este persoal xa pasou as probas médicas e todo o material necesario foi enviado ás bases.
Segundo criticou o Secretario da CIG-Servizos, a política antincendios que a Consellaría vai aplicar este ano pasa por “ir apañando co mapa do tempo na man”. Isto provocou, explica, que hai unhas semanas arderan 1.500 hectáreas na provincia de Ourense, nalgúns casos rexistrándose unha superficie queimada superior ás 100 hectáreas. Porén, ao non contar con persoal abondo, a estes lumes só acudiron como máximo seis brigadistas. “A Xunta pretende aguantar sen contratar traballadores/as mentres a situación sexa soportábel”, referíndose ás previsións do goberno de contratar en función das condicións climáticas.
Á espera de incorporarse ao traballo
Durante a comparecencia, Rubido tamén expuxo a “situación delirante” na que se atopa o persoal que debería estar xa incorporado no dispositivo da precampaña. Estes traballadores e traballadoras, explicou, teñen renunciado neste tempo a outros empregos agardando a que Seaga os contrate. Neste sentido informou que se o persoal rexeita a chamada da empresa pública automaticamente pasan ao último lugar das listas e se renuncian ao posto sofren unha suspensión nos chamamentos durante un ano.
O colectivo de traballadores/as e a CIG-Servizos denunciaron o desmantelamento progresivo que a Xunta está a facer do dispositivo de prevención e incendios de Galiza e mesmo a propia dirección de Seaga, en contra do que viña sendo habitual, asegurou non ter data fixada para o inicio da precampaña. Este desmantelamento da empresa comezou coa retirada ao persoal de Seaga das tarefas de prevención (limpeza e desbroce de montes), que pasaron a ser subcontratados a empresas externas.
Ademais, lembraron dende a CIG-Servizos, o goberno galego xa anunciou a súa intención de amortizar máis de 100 empregos no Servizo Público de Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF), traballadores/as aos que o persoal de Seaga amosou a súa solidariedade.
Fronte a esta falta de responsabilidade da Xunta de Galiza, o persoal adiantou que está disposto a preparar un calendario de mobilizacións e non descarta ningún tipo de acción reivindicativa.