Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 30/4/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG de Compostela saca o sindicato á rúa

Campaña do Primeiro de Maio
Achegar o sindicato aos veciños e veciñas, dar a coñecer as posicións e os conflitos que se deron nestes últimos meses na comarca e facer un chamamento á necesaria participación na manifestación convocada para este Primeiro de Maio, máis dada a situación de crise económica que se nos ven enriba, son algúns dos obxectivos que levaron á CIG de Compostela a instalar unha carpa informativa na Praza Roxa.

A CIG da comarca de Compostela acordou instalar unha carpa na Praza Roxa Compostelana, como parte da campaña deste Primeiro de Maio. O obxectivo é dar a coñecer, fóra do estrito marco dos centros de traballo, o sindicato, as posicións ideolóxicas das que parte, os conflitos protagonizados nos últimos tempos, o papel que xogan as outras organizacións sindicais e mesmo os resultados das últimas eleccións, nas que a CIG da comarca de Compostela quedou en primeiro lugar, por riba de CCOO e UGT.

Ademais, na carpa estanse a recoller sinaturas para a presentación da Iniciativa Lexislativa Popular a través da que a CIG pretende levar a debate no Parlamento de Galiza a proposta de revogación do famoso Plus de Altos Cargos.

Asemblea de Delegados

De cara ao Primeiro de Maio a CIG de Compostela xa celebrou, a semana pasada, unha asemblea na que participaron preto de 200 delegados e delegadas e na que se contou coas intervencións do secretario comarcal, Anxo Noceda e do secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral, Antolín Alcántara.

Anxo Noceda partiu das orixes desta data e do seu significado na loita da clase traballadora por conseguir que se lle recoñeceran dereitos que lle eran e que, aínda hoxe, lle son negados, para transmitir a idea de que os dereitos dos traballadores non se regalan, senón que se conquistan. Nese sentido, resaltou a importancia da CIG como sindicato combativo e reivindicativo, comprometido coa clase traballadora, características que foron as que a colocaron como primeira forza en Compostela por diante de UGT e de CCOO. Unha posición acadada tamén grazas ao compromiso dos delegados e delegadas da central nesta comarca.

Pola súa banda, Antolín Alcántara explicou o significado dos lemas cos que a CIG conmemora este Primeiro de Maio: “Por un modelo socioeconómico xusto e sustentábel” e “Pola soberanía nacional”. Alcántara fixo ademais un percorrido polas causas da actual situación de crise económica, do papel do neoliberalismo e do seu modelo de acumulación e o empobrecemento que ten provocado na clase traballadora e mesmo en países enteiros.
cig.prensa@galizacig.com