Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 30/4/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Ramón Sarmiento, de CCOO, Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, e Diego Atanes, da UGT, na rolda de prensa ás portas da Delegación da Xunta de Galiza en Vigo.

Convócanse dúas xornadas de folga no Metal da provincia de Pontevedra para o mércores 6 e o xoves 7 de maio

A CIG critica a falta de interese da Xunta na mediación deste conflito
O xoves 30 de abril os tres representantes sindicais na Mesa Negociadora do Convenio presentaban no Rexistro da Xunta de Galiza a convocatoria de dúas xornadas de folga para todo o sector do Metal na provincia de Pontevedra para o mércores 6 de maio e o xoves 7 de maio. Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, criticou o desinterese da nova administración galega polo conflito aberto coa negociación do convenio colectivo do Metal para a provincia de Pontevedra, por non asumir 'o seu papel de mediadora' no devandito conflito.
Os tres representantes sindicais sosteñen a convocatoria de folga para o Metal para a próxima semana, que sería entregada en rexistro minutos despois.

Miguel Malvido, na súa intervención na rolda de prensa ás portas do Edificio da Xunta criticou á nova administración galega "porque non está facendo o seu papel que sería o de mediar para que chegaramos a un acordo, sabendo ademais que este é un sector, que non só xera conflitividade nos centros de traballo afectados polo convenio senón que cando sae ás rúas son moitos os cidadáns que tamén senten este conflito, polo que parece mentira que esta nova Xunta non estea a mediar".

Traslado da rolda de prensa

A rolda de prensa, que estaba prevista que se realizara no interior e na entrada deste edificio, como asi se fixeron na pasada semana, tivo que trasladarse ao exterior, na Praza da Estrela, xa que unha alta presenza de antidisturbios impediu gravar aos medios de comunicación no interior da Delegación da Xunta de Vigo, xa que esa era "a orde que recibiran".

Entrega da convocatoria de folga

Asi, Malvido, ás portas da Xunta explicou que "imos entregar a convocatoria de folga para dous días, o mércores 6 e o xoves 7, ao que están convocado o conxunto dos traballadores e traballadoras afectadas polo convenio, máis de 25.000 persoas. Están chamados a esta folga fontaneiros, electricistas, calefactores, ascensoristas, ferrallistas, sector naval, automóbil, venta e reparación de coches, en toda a provincia".

Ademais, subliñou que "comezaremos desde xa a preparar os piquetes, porque queremos que haxa presenza de piquetes en todas as grandes localidades da provincia, asi como son os piquetes de Vigo e da súa área de influencia".

 Máis medidas de presión

Por último, Malvido, sobre a xuntanza que o xoves 30 de abril ás cinco e media da tarde ía ter lugar sinalou que "agardamos que na reunión desta tarde haxa un avanzo significativo, e sabemos que temos esta tarde reunión e o martes outra, e no caso de que o martes non haxa un preacordo para poder presentar nas asembleas de traballadores, anunciaremos novas medidas, que evidentemente van ir máis alá de dous dias de folga e que serán maiores medidas de presión, e polo tanto de conflitividade no sector do metal".

Reunión do 30 de abril á que non se presenta a Patronal

O xoves 30 de abril a Patronal enviou á tarde un fax ás centrais sindicais que sinalaba que "en función dos acontecementos do mércores 29 de abril, en relación ao paro do naval" a patronal confirmaba que non ía asistir á xuntanza da Comisión Negociadora.

Miguel Malvido sinalou que "volvía ser unha actitude chea de irresponsabilidade desta patronal, que está a bloquear e a tensar a situación en todo momento".

 

 

cig.prensa@galizacig.com