Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 30/4/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: emprego : : EPA : : paro : : Primeiro de Maio : : salarios :

A CIG chama a participar nas manifestacións do Primeiro de Maio, para demandar reformas estruturais que freen a sangría do paro

En Galiza perdéronse unha media de 358 postos de traballo diarios, máis de 60.000 fogares teñen a todos os seus membros desempregados e o paro chega ao 15,5%

Os datos da EPA do primeiro trimestre de 2010 constatan a valoración da CIG de que emprego e salarios son os principais problemas que padece a clase traballadora, por mor da crise económica. Por iso, neste Primeiro de Maio, a central sindical ten convocadas manifestacións en todas as comarcas baixo o lema “ Emprego e salarios dignos. Non ao pacto social”. Para a CIG é imprescindíbel que se adopten medidas estruturais dirixidas a potenciar os sectores produtivos e que se afronte unha reforma fiscal para garantir a progresividade do sistema para que paguen máis quen máis ingresan, incrementando os impostos directos sobre as rendas do capital e sobre as grandes fortunas.

A Confederación Intersindical Galega considera que os datos da EPA que veñen de facerse públicos, máis que preocupantes son realmente “dramáticos” e constatan que non só non estamos saíndo da crise, senón que as súas consecuencias estannos levando a unha situación crítica. Así o confirma o feito de que no primeiro trimestre de 2010 se rexistraran 32.200 novos parados, unha media de 358 persoas cada día, pasando a taxa de paro a situarse no 15,5%.

En termos relativos, onde máis emprego se perdeu foi no sector da Construción, cun incremento do 7,4% ou o que é o mesmo, con 8.700 parados máis. Porén, o máis preocupante é o dato da Industria, onde ese incremento, respecto do trimestre anterior foi do 5,9% (10.000 novos parados), pero que chega ao 17,4% se o comparamos co mesmo período do ano pasado. Un dato que implica que se perderon 36.300 postos de traballo neste sector nun só ano.

A CIG viña alertando da gravidade de que sexa precisamente a Industria -a diferenza do Estado, onde o sector máis castigado é a Construción- a que máis se está a resentir por mor da crise económica, porque é un sector clave para a economía de Galiza e porque é onde a creación de emprego é máis difícil.

Temporalidade

Segundo os datos da EPA os contratos a tempo parcial diminuíron un 15,6% reducíndose 1,6 puntos neste trimestre e situándose no 24,3%. O dato non pode ser máis significativo porque logo de anos destinando miles e miles de € a reducir a temporalidade, esta apenas se moveu en tempos de bonanza económica. Porén, redúcese en tempos de crise o que leva a concluír, por unha banda, que esas políticas de subvención a empresas foron, no seu momento, un fracaso porque non conseguiron o seu obxectivo: reducir a temporalidade. Pola outra, que as sucesivas reformas laborais facilitaron ao capital mecanismos suficientes e unha ampla marxe de manobra para destruír empregos con absoluta facilidade, facilitando o despedimento e, neste caso, non renovando aos traballadores/as con contratos temporais, que son os que están perdendo masivamente os seus postos de traballo.

Reforma estrutural

Para a Confederación Intersindical Galega esta grave situación evidencia o fracaso das políticas que se están a aplicar para frear a crise, tanto do goberno galego como do central e aposta por unha reforma estrutural, fomentando a economía produtiva fronte a especulativa; por incrementar o gasto público, para reactivar a economía e por unha reforma fiscal para combater o déficit, incrementando os impostos directos sobre as rendas de capital e sobre as grandes fortunas.

Esta situación tamén confirma, tal e como viña defendendo e defende a CIG, que a solución á crise non está nunha reforma do mercado laboral que facilite aínda máis o despedimento, que recorte dereitos da clase traballadora ou que precarice as condicións laborais. Esas medidas manteñen intacto o actual modelo, orientado cara unha economía altamente especulativa e transmiten a falsa idea de que a crise viu provocada polas supostas rixideces do mercado laboral ou por uns altos salarios dos que a clase traballadora non desfruta, todo o contrario.

Por iso, a central sindical defende que, no canto de facer pagar á clase traballadora as consecuencias dunha crise da que é vítima e que en ningún caso provocou se introduzan medidas para controlar o sector financeiro, potenciar a economía produtiva fronte a especulativa, eliminar os paraísos fiscais ou pola creación dunha banca pública para garantir que os recursos cheguen ás familias ou ás empresas que os necesitan.

Manifestacións

Vigo, ás 12:00 h. con saída do Cruce da Doblada.

Coruña, ás 12:00 h. con saída da Praza de Vigo

Santiago, ás 12:30 h. con saída da Praza Roxa

Pontevedra, ás 12:30 h. con saída da Praza da Ferrería

Ferrol, ás 12:00 h. con saída da Avda. de Esteiro

Lugo, ás 12:30 h. con saída da Ronda da Muralla

Ourense, ás 12:00 h. con saída do Pavillón dos remedios

Ribadeo, ás 12:30 horas, con saída do Edificio Sindical

As Rías, ás 12:30 horas, con saída da Praza do Peixe  (do local sindical)

 

Documentos
panfleto.pdf
cig.prensa@galizacig.com