Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 30/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG acorda apoiar as reivindicacións do estudantado na xornada de folga do 10 de maio

Convocaranse asembleas de delegados/as que confluirán nos actos e concentracións previstos para esa data polos/as estudantes
A executiva confederal da CIG, acordou apoiar as mobilizacións convocadas polas organizacións estudantís e da mocidade do ámbito do nacionalismo (Liga Estudantil, Comités e Galiza Nova), con motivo da folga convocada no ensino medio e universitario para este xoves, día 10 de maio. O luns 30 de abril celebrábase unha xuntanza con estas organizacións e concretábase unha proposta de actuación conxunta durante esa xornada.

A CIG decidiu convocar asembleas de delegados/as en todas as comarcas do país para analizar as consecuencias que terán os recortes derivados das políticas económicas do Partido Popular e confluír co movemento estudantil nacionalista nas concentracións que teñen previstas con motivo da folga no ensino secundario e universitario.

A Executiva confederal valorou os recortes no ensino e a proposta de suba de taxas moi negativamente, concluíndo que o Partido Popular quere unha universidade “só para ricos”.

A central sindical considera que en pouco máis de 100 días de “desgoberno”, o PP está protagonizando o maior ataque contra os dereitos e garantías da inmensa maioría da poboación, a clase traballadora. Denuncia que os orzamentos xerais do Estado impoñen un recorte superior a 800 millóns de euros no ensino público e afirma que “para aplicar este ataque salvaxe contra os nosos dereitos, o PP aumenta o rateo de alumnado por aula, despedirá a miles de profesores/as e autoriza unha suba dos prezos das matrículas universitarias”.

Segundo as previsións do goberno de Mariano Rajoy, as familias terán que pagar até o 66% máis para mandar ás súas fillas e fillos á Universidade o que, na práctica, pode significar un incremento superior aos 540 €. Ante isto, a CIG considera que “estamos ante a maior suba de taxas da historia e o ataque máis brutal, desde o franquismo, contra o carácter público e universal do ensino”.

A central sindical, organización integrante da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, participará tamén nas concentracións convocadas para o 8 de maio, ás 19:00 horas en todas as comarcas.

Previsións para o 10 de maio:

Compostela: Asemblea de Delegados/as ás 10:00 horas e concentración na Praza do Toural, ás 12:00 horas.

Ferrol: Asemblea de delegados/as as 10:00 e concentración no monolito 10 de Marzo.

A Coruña: Asemblea de delegados/as ás 10:00 e concentración na Praza da Palloza ás 12:00 horas.

Pontevedra: Asemblea de Delegados/as ás 10:00 horas e concentración ás 12:00 na Subdelegación do Goberno.

Vigo: Asemblea de delegados/as ás 10:00 e concentración na Praza de América ás 12:00

Ourense: Asemblea de delegados/as ás 10:00 e concentración na Rúa do Concello, diante da delegación da consellaría de Educación, ás 12:00.

Lugo: Asemblea de delegados/as ás 10:00 horas e concentración na praza do seminario até o multiusos da Xunta ás 12:00.

cig.prensa@galizacig.com