Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 30/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG faille unha proposta ao Concello de Xinzo que permitiría aforrar en gastos de persoal sen despedir

O Goberno local contempla un ERE extintivo que afectaría a un mínimo de 25 traballadores/as
A CIG de Ourense vén de presentar unha proposta alternativa co obxectivo de reconducir o plan de axuste económico do Concello de Xinzo de Limia. Os plans municipais contemplan, entre outras medidas, a redución de medio millón de euros en gastos de persoal mediante un ERE extintivo que afectaría a 25 traballadores/as. A central nacionalista, que xa denunciara que o Goberno local pretende aplicarlle os recortes unicamente ao persoal laboral, achega agora unha proposta que permitiría non ter que reducir esta cantidade en gastos de persoal e evitaría os despedimentos, aliviaría a presión fiscal sobre os veciños/as e produciría un superavit de 2 millóns de euros en 10 anos. [CONSULTA O DOCUMENTO AO FINAL DA NOTICIA].

Dende a CIG explican que o Concello de Xinzo é o primeiro do Estado español que pretende desfacerse de parte dos seus traballadores/as aplicando a nova reforma laboral. “Aproveitaron tamén a aprobación do decreto de pago a provedores para reclamarlle financiamento ao Goberno central para este concepto a cambio de introducir unha serie de medidas correctoras encamiñadas a rematar co desequilibrio económico”, indican.

A primeira das propostas pasaría por un ERE extintivo que afectaría a un mínimo de 25 traballadores/as; a segunda sería un ERE de suspensión; a terceira contemplaría unha baixada salarial; e a cuarta consistiría nunha redución da xornada. “Unha vez que mantemos a primeira xuntanza para concretar máis as propostas atopámonos con que desenvolven as dúas últimas: fixan a baixada salarial nun 22% pero só para o persoal laboral ou ben propoñen a redución salarial e de xornada variábel segundo o departamento”. A proposta dos ERE's non se retira, pero tampouco se concreta.

Para a CIG, a medida que contempla a redución segundo o departamento é ilegal porque vulneraría o principio de igualdade, mentres que a baixada salarial só para o persoal laboral, “aínda que viábel xuridicamente, non nos parece unha opción xusta”. Diante disto, decidiron trasladarlle aos responsábeis municipais unha serie de criterios que ao seu xuízo deberan estar presentes durante as negociacións: a central nacionalista, como sindicato maioritario, ten que ter información detallada de situación económica e laboral; e que os esforzos que se fagan sexan xustos e equilibrados.

Diante disto, propoñen unha serie de medidas que lle pemitirían ao Concello de Xinzo non ter que reducir medio millón de euros en gastos de persoal -o que evitaría os despedimentos-, aliviaría a presión fiscal sobre os veciños/as e produciría un superavit de 2 millóns de euros en 10 anos. 

Documentos
PROPOSTA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA PARA A MESA XERAL DE NEGOCIACIÓN DO CONCELLO DE XINZO DA LIMIA.pdf
cig.prensa@galizacig.com