Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 30/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Comité da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial realiza un peche polo despedimento dunha traballadora embarazada

Anuncian accións penais por vulneración de dereitos fundamentais e represión sindical
O Comité de Empresa da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial realizaba, o pasado venres, un peche na sala de xuntas dos Servizos Centrais para denunciar o despedimento dunha traballadora embarazada, amparándose na reforma laboral. Os delegados da CIG anunciaron accións penais contra os responsábeis desta entidade pública por vulneración de dereitos fundamentais e represión sindical dende o ano 2009.

A Fundación para o Fomento da Calidade Industrial segue no epicentro das críticas á política laboral do goberno da Xunta. Apoiándose na reforma laboral articulada no Real Decreto-Lei 3/2012, a entidade alega razóns “produtivas” e “obxectivas” para despedir a cinco traballadores e traballadoras, unha delas embarazada de cinco meses. Os despedimentos afectaron ao departamento que xestionaba as subvencións ao sector TIC e ao desenvolvemento da Sociedade da Información, cuxas funcións serán agora asumidas pola Axencia de Modernización e por empresas privadas, o que demostra a progresiva privatización de servizos públicos estratéxicos que agora verán encarecido o seu custo.

Estes feitos levaron ao Comité de Empresa a realizar un peche nas oficinas dos Servizos Centrais da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial. Nesta ocasión, os representantes dos traballadores portaron “simbolicamente” un carriño de bebé, esixindo unha xuntanza co Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra. Cómpre destacar que os dous delegados de CCOO membros do Comité de Empresa non quixeron participar na xuntanza previa cos traballadores e traballadoras despedidos e tampouco no peche.

Posteriormente, o Comité de Empresa representado pola CIG e UGT foi recibido polo Secretario Xeral desta Consellería, Borja Verea, quen reiterou e xustificou que a decisión de despedir a esta traballadora embarazada está agora avalada pola lexislación laboral como despido procedente. Do mesmo xeito, xustificou que os demais despedimentos estaban motivados por razóns produtivas e organizativas, pero confírmase que unicamente recortan persoal técnico e non postos de dirección. Ata o punto de que na actualidade dispoñen dun amplo volume de coordinadores para un cadro de persoal técnico moi reducido, o que semella incoherente de cara a xustificar a eficiencia e o bo funcionamento organizativo.    

Os delegados da CIG nesta Fundación veñen denunciando dende o ano 2009 continuas represalias por parte dos responsables da entidade e da Consellaría, con informes da Inspección de Traballo e sentenzas xudiciais que o confirman.  Aínda así, a Consellaría non dubida en agochar a súa intención de despedir a dous delegados sindicais, namentres utilizan a chantaxe psicolóxica para despedir no seu lugar a outros traballadores, un dos cales é afiliado da CIG.  Motivo polo cal este sindicato anuncia posibles accións penais contra os responsables desta entidade pública dependente da Consellaría de Economía e Industria. 

cig.prensa@galizacig.com