Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 30/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Comité Interempresas da CRTVG lamenta que o Director Xeral non anuncie a fin da política represiva

Denuncia que Sánchez Izquierdo, que informou no Parlamento de que o expediente de investigación segue aberto, xustificara levar un ano sen recibir á representación sindical
Traballadores/as da CRTVG concentrábanse, o pasado venres diante do Parlamento de Galiza para denunciar a represión e a manipulación informativa na CRTVG. O Comité Interempresas do ente facía esta convocatoria coincidindo coa comparecencia do Director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, na Comisión Permanente non Lexislativa de Control da CRTVG para responder sobre o expediente informativo aberto en relación coa entrada dos afectados pola fraude das participacións preferentes das antigas caixas de aforros nas instalacións da CRTVG en San Marcos o día 30 de marzo.

O Comité Interempresas da CRTVG, TVG e RG, emitiu un comunicado tras da comparecencia, lamentando que Sánchez Izquierdo non aproveitase esta ocasión para anunciar a fin da política represiva que puxo en marcha a raíz da ocupación das instalacións da empresa o pasado 30 de marzo.

A representación sindical considera que o Director Xeral eludiu dar resposta ás preguntas relacionadas coa ocupación dos afectados pola estafa das preferentes que lle formularon os representantes do PSdG e do BNG. Sánchez Izquierdo limitouse a anunciar a futura instalación na empresa dunha porta de acceso de veículos que impida a entrada peonil e ratificouse na súa convicción de que os asaltantes contaron coa complicidade de traballadores da casa argumentando que os das preferentes estaban ben orientados porque chegaron a atravesar “sesenta e catro portas”.

A parte social, que leva case un ano tentando reunirse con Izquierdo sen éxito, considera intolerable que o Director Xeral chegase a afirmar na comisión que non recibe á representación sindical porque esta nunca lle solicitou unha xuntanza relacionada con temas da súa competencia directa.

O Interempresas afirma que no ano que leva constituido houbo sobradas razóns para manter esas reunións e lembra que a última vez que lle solicitou a Izquierdo unha xuntanza foi precisamente tres días despois da ocupación por medio dunha nota interna na que textualmente lle pide unha reunión “de suma urxencia” para tratar “as incidencias producidas o pasado 30 de marzo por mor da invasión do recinto da CRTVG por mor de cidadáns afectados pola participacións preferentes e do problema de seguridade derivado deste acto, así como sobre a nota da Dirección xeral na que se fala da actitude adoptada polo Comité Interempresas ao longo da ocupación”.

Considera tamén lamentable que o xestor mellor pagado dunha empresa pública galega, no canto de explicar por que durante a ocupación abandonou as instalacións, tente dar mágoa dicindo que ese día non puido nin comer e que se viu obrigado a permanecer no centro máis de doce horas.

Por último, a representación sindical lamenta que o director xeral non fose capaz de recoñecer a práctica da manipulación informativa, cuxa enésima mostra produciuse no Telexornal Mediodía deste pasado sábado 21 de abril, na nova na que informou da marcha cara á CRTVG  que se celebrou a convocatoria do Comité baixo o lema “Nin represión, nin manipulación”, unha información sobre a que o Interempresas xa exerceu o dereito de rectificación.

cig.prensa@galizacig.com