A xornada de loita dará comezo cunha asemblea de delegados e delegadas da CIG-Metal, a celebrar na Facultade de Dereito da USC, para avaliara situación do sector e as súas principais demandas. Ao remate da mesma, por volta das 11:30 horas, os/as delegados/as partirán en manifestación dende o Campus Sur até o complexo administrativo de San Caetano, onde farán entrega de dous escritos dirixidos á Consellaría de Industria e á Consellaría de Traballo, nos que, alén de pedir entrevistas cos responsábeis políticos, dáse conta das demandas do sector e das propostas da CIG.
Para anunciar a mobilización e expor as reivindicacións da central sindical para o sector, nomeadamente para os estaleiros de Navantia, o Secretario de Organización da Federación do Metal, Ramón Alfonzo Fernández, e o Secretario Comarcal da CIG-Metal de Ferrol, Vicente Vidal, compareceron esta mañá en rolda de prensa. Vidal explicaba que a central nacionalista leva un ano desenvolvendo mobilizacións cos seus delegados e delegadas para reclamar carga de traballo e investimentos tanto por parte das institucións públicas como dende a propia dirección de Navantia.
Vidal apuntou aos máis de 10.000 empregos que dependen da actividade dos estaleiros, que continúan a ser o sustento económico desta comarca. “Nós o que queremos é facer barcos”, aseverou. A este respecto, aclarou que o anuncio da construción de cinco bloques para a armada australiana (contrato que, matizou, aínda non está pechado), aliviará durante uns meses a situación nos estaleiros, pero non resolve a falta de pedidos nin despexa o incerto futuro que agarda aos estaleiros ao non ter nova carga de traballo. “Nós non pedimos empréstitos, nós o que queremos é carga de traballo propia para a ría”, sentenciaba.
A aposta polo futuro dunha comarca
Nesta mesma demanda insistía o Secretario de Organización do Metal, Ramón Alfonzo Fernández. “Dende a CIG pedimos solucións para o sector de cara ao futuro. As perspectivas apuntan a que en breve se dará un baixón de carga de traballo; baixada que se non se supera nun prazo de tempo limitado suporá a desaparición do sector na comarca”.
Para evitar esta desfeita, o responsábel de Organización apuntaba varias liñas de traballo: dun banda a maior implicación do goberno estatal na consecución de novos contratos e a prol do levantamento do veto político, e doutra un compromiso real de inversión na área de reparacións.
Sobre a primeira cuestión, Alfonzo Fernández insistiu en que Navantia debe concorrer aos concursos internacionais co respaldo dos máis altos representantes do goberno. “Non é de recibo que no concurso de Brasil por Francia acudise Nicolás Sarkozy e por Alemaña Angela Merkel, mentres que representando a Navantia ou á Sepi (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) non se saiba quen acudiu polo estado español. E o mesmo ocorreu noutros concursos”, censurou.
A este respecto recalcou que o goberno estatal ten unha responsabilidade importante na política comercial e nas cuestións referidas á consecución de novos contratos. Pero tamén ten que realizar esforzos políticos en Europa para conseguir que se levante o veto á construción en Fene e que a limitación do 20% na produción deixe ser unha lousa para o estaleiro.
Inversións na área de reparacións
Porén, Alfonzo non esqueceu o papel importante que ten que xogar o goberno galego á hora de garantir o futuro do sector naval. “A Xunta ten competencias aínda que está pasando de lado por todos estes problemas”. Así, instou á Consellaría de Industria a liderar un proxecto común que aglutine a toda a industria auxiliar, marcando estratexias e deseñando campañas de actuación que afortalen o sector.
Así mesmo, urxiu á Xunta a abandonar a política de promesas e pular polos investimentos reais destinados á área de reparacións e carenas. O responsábel de organización da CIG-Metal reiterou a necesidade de construír o novo dique flotante, xa que alén de paliar parte do problema da falta de actividade (a súa construción suporía máis de un millón de horas de traballo, especialmente na área de aceiro), permitiría optar a contratos integrais coas compañías navieiras que reparan na ría ferrolá.
Logo da ampliación da canle de Panamá, un problema engadido para o naval de Fene-Ferrol será a imposibilidade de reparar os buques de maior tamaño, polo que os estaleiros poderían perder un negocio co que agora contan, viábel e en expansión. “As navieiras realizan contratacións integrais cun estaleiro para a reparación do 100% da súa flota. Se non se constrúe o novo dique quedaremos fóra dun mercado que temos nestes momentos. Trátase dunha aposta de futuro que pode solucionar unha parte importante dos actuais problemas”, afirmou, pero que require dunha vontade política que até agora non se amosou.
Situación crítica na Ría de Vigo
No caso de Vigo compareceron os secretarios nacionais do Naval e do Metal, César Rodíguez e Xoán Xosé Bouzas, quenes alertaron do risco de desaparición que corren moitas empresas auxiliares da Ría de Vigo. “Teñen moitos problemas para financiar a débeda pola falta de pago dos estaleiros e estamos a ver como na actualidade só traballan para rematar contratos”, indicaron, ao tempo que lembraron que no último ano e medio o sector destruíu arredor de 7.000 empregos. Asegurou que o 100% das auxiliares están inmersas en Expedientes de Regulación de Emprego (algunhas deles van xa polo terceiro) mentres que principais como Barreras ou Vulcano tamén presentaron EREs.
Ao mesmo tempo, criticaron a falta de compromiso dos Gobernos español e galego e esixiu investimentos públicos que permitan manter a carga de traballo. Censuraron especialmente a actitude do PP, ao que acusou de botar abaixo todas as medidas que se propuxeron para paliar a problemática que atravesa o sector. Neste senso, reclamaron o cumprimento da lei aprobada no Parlamento galego o pasado 23 de xuño, que recolle propostas como a coordinación da industria para facela máis competitiva, a creación dun fondo patrimonial de garantía que garanta as axudas públicas ás empresas auxiliares ou a posta en funcionamento dun centro de reparacións na Ría de Vigo como o que se está a construír en Ferrol.